Un home de avanzada idade foi localizado sen vida nas últimas horas nun illote no río Miño, no municipio de Arbo.
Fora un familiar seu que alertara de que o home faltaba desde primeira hora da tarde deste mércores, cando saíu do seu domicilio para dirixirse cun tractor a unha leira pegada ao río, onde adoitaba pescar, na parroquia de Cequeliños.
A alerta recibiuna o 112 sobre as 22.50 horas, ao non chegar o home a casa. Alertouse do caso a Urxencias Sanitarias-061, á Garda Civil, ao GES de Ponteareas e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.
A Garda Civil encargouse de coordinar o operativo de procura, que localizou ao falecido nun illote no medio do río Miño. Ante as dificultades para un rescate acuático debido as fortes correntes do río, Gardacostas mobilizou o helicóptero Pesca I, que se encargou das tarefas de recuperación do corpo.