A corta supuxo 1,3 millóns de metros cúbicos, o que representa un 14% da madeira cortada en Galicia. Pontevedra é, xunto con Lugo, a provincia da comunidade que presenta maior equilibrio de cortas entre coníferas e eucaliptos. No caso de Pontevedra, aproveitáronse no 2023 un total de 573.000 metros cúbicos de coníferas e 667.000 de eucalipto.
En consonancia con este escenario, dos 38 millóns de euros que facturaron, 17,7 corresponden a piñeiros, 19,2 millóns a eucaliptos e 1,1 a frondosas caducifolias, que manteñen un aproveitamento industrial residual máis alá do seu uso como leñas domésticas.
No 2023, houbo menores prezos e demanda que o ano anterior, polo que como é lóxico, o volume de cortas reduciuse na provincia no 2023 en torno a un 12% en relación ó 2022, se ben mantivo cifras superiores ás do 2021.
Datos por Distritos Forestais
En coníferas, destaca o distrito forestal de Deza – Tabeirós, con 240.000 metros cúbicos, seguido de Vigo – Baixo Miño con 149.000 metros cúbicos e do de Caldas – O Salnés, con 128.000.
A principal conífera en cortas é o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), en tanto o piñeiro radiata representa arredor dun 10% das cortas e o resto de especies de coníferas, como o piñeiro silvestre, é anecdótica nas cortas provincia.
En eucalipto, destaca Caldas – O Salnés, pois aglutina máis da metade das cortas da especie na provincia, con 351.000 metros cúbicos. En segundo lugar, sitúase o Deza – Tabeirós con 145.000 e en terceiro Vigo – Baixo Miño, con 125.000.
Salvo no Deza, onde se estima un 40% de cortas de eucalipto nitens, a práctica totalidade das cortas dos outros distritos corresponden a eucalipto globulus.