sábado, noviembre 23, 2024
InicioComarcasO CondadoPonteareas reformará e humanizará o Mercado Municipal

Ponteareas reformará e humanizará o Mercado Municipal

Ponteareas modernizará o seu Mercado Municipal coa súa reforma integral e a humanización do seu entorno.

 

A alcaldesa de Ponteareas en funcións, Cristina Fdez. Davila e a concelleira de Promoción Económica, a nacionalista Eva Gil, presentaron o anteproxecto de reforma arquitectónica e rehabilitación integral do Mercado Municipal e humanización do seu entorno, nunha reunión con representantes dos praceiros e praceiras.

O anteproxecto está precedido dun estudo realizado hai máis dun ano no que se analizou a potencialidade do Mercado, os seus problemas e as melloras que se debían introducir para dar viabilidade ao futuro deste centro comercial municipal que precisa modernizarse para adaptarse aos novos tempos. O estudo concluíu que a Praza de Abastos ten un grandísimo potencial pola súa localización céntrica, amplas instalacións e a tradición de consumo, especialmente do peixe como produto estrela, ao que agora se suman outros negocios que apostan polo produto local. A isto débese engadir a existencia en Ponteareas dun amplo sector de poboación nova, interesada na gastronomía e na saúde alimentaria, que demanda produto de calidade e local que pode ser ofertado na Praza de Abastos. Para converter o Mercado nun espazo comercial moderno e atractivo redactouse o anteproxecto de reforma arquitectónica agora presentado.

Segundo a alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila, “trátase dunha ambiciosa proposta de reforma integral do edificio, que implica a redistribución e mellora da calidade dos espazos interiores actualizando os seus servizos para transformar a Praza de Abastos nun lugar atractivo e agradábel ao que ir mercar e traballar, habilitando ademais un aparcadoiro na planta baixa da edificación”. Para iso, prevese a utilización de novos materiais máis cálidos, unha substancial mellora da iluminación natural e a recuperación do edificio orixinal, incluída a súa cuberta, que sofreu deterioro e modificacións importantes e negativas ao longo de décadas.

Humanización 

Para a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, “un dos aspectos máis novidosos da proposta é que, ademais da reforma do edificio, se contempla a humanización de todo o seu entorno, abrindo o Mercado Municipal cara o parque da Perillana, para que se converta nun punto de conexión atractivo entre a zona antiga de Ponteareas e a zona máis nova de Avenida de Castelao e arredores”. 

Na proposta, os laterais exteriores do Mercado, actualmente degradados e cun aspecto deplorábel, refórmanse para convertelos en lugares agradábeis de estancia das persoas con actividades hostaleiras e comerciais e corredores que se poden empregar como zonas de paso para desprazarse comodamente dende A Perillana cara o centro da vila. Estas actuacións, unidas á humanización da Praza Doutor Fernández Vega executada o pasado ano, converterán o Mercado Municipal nun punto neurálxico do centro urbano como lugar de compras, espallamento e ocio para a veciñanza.

A proposta, que segundo Eva Gil “marcará un antes e un despois para o Mercado e o seu entorno”, encádrase no obxectivo global de mellora da vila de Ponteareas, que contempla obras xa en execución e novos proxectos de humanización para converter a localidade nun exemplo de vila saudábel con elevada calidade de vida.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS