Dispárase a incidencia en Fornelos de Montes a máis de 250 casos por 100.000 habitantes , aínda que non supera os 9 contaxios.
Fornelos de Montes, cunha poboación que non chega aos 2.000 habitantes, sitúase na zona considerada de risco por Sanidade. Son máis de 250 contaxios en COVID-19 por 100.000 habitantes nunha semana aínda que o número de positivos non supera os 9 en 7 días. Sobe a presenza do virus entre os veciños e as veciñas de Soutomaior. Mentres, Tui e Salceda de Caselas melloran a situación epidemiolóxica e presentan agora a mesma incidencia que a maioría dos concellos da bisbarra: entre 25 e 75 casos por 100.000. O Rosal e Baiona, sen contaxios nunha semana.
O concello que presenta agora a incidencia máis alta da bisbarra é o de Fornelos de Montes. Cómpre lembrar que o municipio, cunha incidencia superior aos 250 contaxios por 100.000 habitantes a unha semana, ten unha poboación que non chega aos 2.000 veciños e veciñas. De feito, non supera os 9 casos diagnosticados entre a súa veciñanza en 7 días.
Tui e Salceda de Caselas, no nivel medio e no alto respectivamente, sitúanse agora coa mesma incidencia que a maioría dos municipios bisbarra. Rexistran entre 25 e 75 casos por 100.000 habitantes. Salceda non supera os 9 contaxios nunha semana e Tui conta con 10.
Pola súa banda, sobe a presenza do virus entre os veciños e as veciñas de Soutomaior ao rexistrar agora máis de 75 contaxios por 100.000 habitantes nunha semana pero con non máis de 9 casos. Presenta a mesma incidencia que Gondomar e O Porriño con 14 e 20 positivos, respectivamente.
O Rosal, Baiona, Arbo e As Neves non rexistran contaxios contaxios en 7 días aínda que si en 14 polo que non é posible incluilos na listaxe dos municipios libres de COVID-19 como si o están Oia, O Covelo, A Cañiza, Crecente, Mondariz e Mondariz-Balneario. Sitúanse na incidencia máis baixa que contempla Sanidade.
Manteñen os datos con respecto á actualización do inicio da fin de semana os municipios de Tomiño, Nigrán, Vigo, Salvaterra, Mos, Ponteareas e Pazos de Borbén cunha incidencia entre 25 e 75 positivos por 100.000 habitantes ao igual que Redondela con non máis de 25 por 100.000.
Baixan os casos activos na Área Sanitaria de Vigo
Son 906 casos en COVID-19 activos na Área Sanitaria de Vigo, segundo a última actualización do SERGAS. Isto é, 39 menos que onte. A presión hospitalaria non experimenta grandes cambios: un paciente menos en camas convencionais ata os 28 e mantense en 12 o número de pacientes na UCI.
A Área Sanitaria de Vigo segue como a que máis casos rexistra, só por detrás da da Coruña con 695.