O porriñés Álex “Coraje” Castro batirase co vigués Diego Castro. As entradas están xa a venda, con descontos por compra anticipada.
O vindeiro 11 de maio terá lugar no Porriño a “Fight Night”, unha velada de boxeo organizada polos clubes CKM Combat Academy de Mos e Spartan Team de Tomiño e patrocinada polo Concello do Porriño. O pavillón dos deportes será o escenario deste evento deportivo a partir das 19:30 horas.
Esta noite de loita contará con combates amateur, neoprofesional e profesional, disputados por boxeadores/as que chegarán de todos os puntos de Galicia e do norte de Portugal. O porriñés Alex “Coraje” Castro, do clube CKM, con case 30 combates ás súas costas, intentará facerse coa victoria ante o púxil vigués Diego Castro, do clube La Vieja Escuela, no único combate neoprofesional da noite.
O boxeo feminino estará representado por Sara Vieitez, do clube CKM, e a púxil portuguesa
Bruna Salgado, do Clube Victoria de Guimarães, que medirán as súas forzas no cuadrilátero
porriñés. Vieitez é a actual campiona de España de artes marciais mixtas (MMA), ademais dunha loitadora multidisciplinar de boxeo e outras disciplinas de contacto.
A velada culminarase cun combate profesional de catro asaltos entre o boxeador Charly Spartan López, do clube Spartan Team de Tomiño, e con contrincante aínda por cerrar. No torneo non faltarán boxeadores de renome en Galicia, como Luis Curras, Filipe Amoedo ou
David López, entre outros.
O Concello do Porriño patrocina esta velada de boxeo para “dar visibilidade a este deporte, que xa conta con máis de 4.000 federados e 12.000 amateurs na nosa comunidade, e poñer ao Porriño no mapa do boxeo galego”, declara Abel Estévez, Concelleiro de Deportes.
Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo convidar “a toda a veciñanza a disfrutar desta velada deportiva que demostra que O Porriño é un concello de referencia no deporte en todas as disciplinas, atraendo aos/as amantes do boxeo e dando a oportunidade á veciñanza en xeral de descubrir este deporte con boxeadores de primeiro nivel”.
As entradas para a “Fight Night” xa están a venda anticipada por 17 euros a cadeira e 13 euros a grada en Kick&box de Salceda; CKM de Mos; Spartan Team de Goián; Flow Combat de Vigo; e Safari Coffee & Music do Porriño. O prezo en taquilla o día dos combates será de 20 e 15 euros, respectivamente.