O Consello da Xunta aproba a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), de patrimonio inmaterial, da festa do Corpus Christi de Ponteareas.
Confirmouno o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á celebración da reunión semanal do Goberno autonómico, este luns.
O recoñecemento chega tras os informes favorables do Museo do Pobo Galego, a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega, «culminando así un proceso no que non se rexistraron alegacións».
O decreto valora non só a festividade en si, senón tamén os rituais, cerimonias e técnicas artesanais tradicionais asociadas a ela.
Así, a documentación conclúe que o Corpus Christi «constitúe un ritual festivo recoñecido polo seu uso social e cerimonial cunha alta pegada de coñecementos populares sobre a natureza, os elementos naturais e os ciclos do campo».
Valórase, así mesmo, a confección dun conxunto artístico dotado de variadas representacións e símbolos, «cunha significación cultural que vai máis aló do ámbito relixioso para vincularse coa cultura popular». Influíu tamén, segundo apuntan, o «elevado» coñecemento e desenvolvemento de técnicas artesanais tradicionais.
A declaración favorable recolle de igual maneira o impacto da festa a nivel económico e todo o conxunto de actos que se desenvolven ao redor dela. Subliñan a súa capacidade integradora e potencial como activo económico de base cultural», así como «a gran acollida aos visitantes».