Se non hai imprevistos de última hora, o túnel do Folgoso, na A-52,en sentido Ourense reabrirá este venres, 30 de abril, unha vez reparado tras un incendio dun tráiler no seu interior o pasado 25 de xaneiro.
O alcalde da Cañiza, Luis PIña:
Tres meses despois de que o Ministerio de Transportes pechara o túnel do Folgoso, á altura da Cañiza, en sentido Ourense, tras verse afectado case un quilómetro do tubo polo incendio dun tráiler no seu interior, este venres, 30 de abril, reabrirase e os conductores xa non terán que facer máis quilómetros e perder uns 20 minutos pola N-120 polo centro da Cañiza.
O ministerio sinalara maio como data de reapertura. A reparación dilatouse ao seren necesarios compoñentes fabricados noutros países para subsanar os sistemas de seguridade, como o de antincendios, danados polo lume.
Finalmente será este venres, un día antes de maio, cando a veciñanza da Cañiza tamén deixará de padecer un exceso de tráfico rodado e paso de camións aos que xa non estaba acostumada.
O asfalto da N-120, xa danado antes do peche do túnel, visualízase agora máis danado tras tres meses soportando unha elevada carga de vehículos, moitos deles de gran tonelaxe. Polo de agora o ministerio só contempla reparacións puntuais das fochancas que poidan aparecer, pero non unha reforma integral do seu asfalto.
Os empresarios da provincia levaban tempo pedindo a súa reapertura urxente polos prexuízos económicos que lles causaba.