domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsActualidadePonteareas presenta a novena edición da Sestelo-Clásica Álvaro Pino na que se...

Ponteareas presenta a novena edición da Sestelo-Clásica Álvaro Pino na que se homenaxeará ao exciclista Jesús Carballido

A proba deportiva contará coa participación do gañador de catro edicións de La Vuelta, Roberto Heras

O evento, que terá como saída e meta a vila pontareá e percorrerá municipios da contorna, celebrarase o 26 de maio

O Concello de Ponteareas presentou a novena edición da proba ciclista Sestelo-Clásica Álvaro Pino. O evento tivo lugar nos Xardíns da Xiralda e acudiron a alcaldesa, Nava Castro, o edil da área, Luis Rodríguez, a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez así como o presidente do GDR, Pablo Castillo e os ciclistas Óscar Mosquera, Jesús Carballido e Álvaro Pino. Tamén participou no acto Roberto Álvarez, do Grupo Sestelo.

O evento deportivo, que se celebrará o próximo 26 de maio, homenaxeará ao ex-ciclista ponteareán Jesús Carballido e contará coa participación do gañador de catro edicións de La Vuelta, Roberto Heras, como invitado especial. Como é habitual, a proba conta cun percorrido longo de 123 quilómetros e outro reducido de 67 quilómetros. Ambos teñen como meta e saída a vila de Ponteareas e discorren polos municipios de Mondariz, Mondariz-Balneario, Covelo, A Cañiza, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e As Neves.

O acto dirixiuno o xornalista ponteareán Terio Carrera e recalcou que «a vila de Ponteareas é a única de España que conta con tres gañadores de La Vuelta, Delio e Emilio Rodríguez e Álvaro Pino. Este último estivo presente durante a presentación desta proba ciclista e enxalzou a calidade deportiva que caracteriza ao municipio.

As persoas que desexen participar ben no percorrido longo ou ben no curto dispoñen
ata o 19 de maio para inscribirse. Na actualidade, o evento xa conta con algo máis
de 250 e agárdase chegar ata os 400 participantes.

O edil de Deportes, Luis Rodríguez, apunta que “esta proba é unha das máis agardadas polo nosa veciñanza posto que somos unha vila na que todos e todas podemos presumir de contar con tres gañadores de La Vuelta” e incidiu en que “o ciclismo é unha das disciplinas que forma parte da nosa esencia e desde o Concello continuaremos impulsándoo”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, indica que “o ciclismo fala do que somos e do que conseguimos con esforzo, traballo e compromiso” e apuntou que “é un orgullo presentar unha nova edición desta proba deportiva que encherá as nosas rúas de máis de 400 persoas que percorrerán, pedalada a pedalada, o noso patrimonio natural e cultural”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS