Comezou o programa de charlas enfocadas a dar ferramentas aos pais e nais para que desenvolvan habilidades para educar e formar aos seus fillos na non violencia
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Igualdade mosense, Leo Costas, inauguraron a pasada tarde as III Xornadas da Muller de Mos, acompañados pola Directora e a Xurídica do CIM de Mos, Alba Mª Bugarín e Ana María Rodríguez Cabaleiro, respectivamente.
As III Xornadas da Muller de Mos comezaron esta pasada tarde e continuarán hoxe, 18 de abril no Pazo de Mos, en horario de 16.30 a 20 horas e baixo o título CONCILIACIÓN FAMILIAR: REALIDADE OU UTOPÍA.
Segundo declararon os representantes municipais Arévalo e Costas “estas xornadas pretenden facer reflexionar sobre a necesidade da coeducación, conciliación e corresponsabilidade efectivas e non só reflectidas no papel. E sobre a necesidade de dar ferramentas aos pais e nais para que desenvolvan habilidades para educar e formar aos seus fillos na non violencia”.
Temáticas das xornadas
Onte as charlas enfocáronse cara ás violencias, a súa repercusión nos menores, como afecta aos menores a educación permisiva e sobreprotectora, o incremento da violencia sexual, e de xénero e o aumento das condutas violentas nos mozos. Interviron Jero
García (deportista , presentador e exboxeador) autor do libro “ Cola de lagartija” sobre acoso escolar. O psiquiatra Juan Carlos Diz Del Valle, coordinador do programa de Psiquiatría legal do Servizo de psiquiatría da Xerencia do Servizo Integral da Coruña. Paula C. Frias, sobre o seu libro “Historias para vivir, a miña viaxe cara á tolemia”. Carmen Raña, da asociación Mulleres en Igualdade de Vigo, que falou da súa experiencia como mestra e muller traballadora cunha filla dependente. E finalmente Susana López Abella.
Hoxe xoves 18 falarase sobre a familia desde un punto máis xurídico e das medidas e as
ferramentas que debemos adoptar ante os conflitos familiares en interese dos menores.
Intervirán Paula Blasco Moia, Fiscal da Área de Pontevedra, dando a visión da intervención
do Ministerio Fiscal nos procedementos de menores, e a súa función de protección do
interese destes. Consuelo Arenosa, Xuíza en distintos partidos Xudiciais, como Vigo, Porriño, Ponteareas, etc. e que falará da intervención xudicial nos procesos de familia.
Intervirá tamén un membro do Grupo da EVAP da Policía Local de Vigo, que se encargan da “custodia“ de mulleres vítimas de violencia e dos seus fillos, e finalmente Helena Lopo, psicóloga, que nos dará algunhas ferramentas emocionais para axudar aos menores para xestionar os conflitos familiares.
Segundo Nidia Arévalo, rexedora local mosense e Leo Costas, concelleiro de Igualdade “é
importante seguir un ano máis con estas Xornadas, xa que a formación e a educación son ferramentas esenciais para conseguir unha sociedade máis igualitaria, e continuar coa loita e erradicación da violencia de xénero”.