domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasVigo"Panos de vinagre" denuncia a violencia machista en Redondela

«Panos de vinagre» denuncia a violencia machista en Redondela

A performance da artista Laura Villaverde, enmarcada no programa “Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra, encheu hoxe a Alameda de Redondela. A actriz tudense estreou “Panos de Vinagre”, unha acción inspirada no valor do legado familiar intanxible.

Coa lembranza da súa bisavoa Xenerosa como fío condutor, a artista fixo ao público partícipe dunha historia real de violencia e como as mulleres da súa familia utilizaban panos de vinagre para curar os negróns.

A presidenta provincial, Carmela Silva, xunto á alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a deputada de igualdade, Victoria Alonso, seguiron a representación acompañadas de representantes da corporación local. Ademais, foron invitados a visualizar o acto por streaming todos os centros educativos do concello, os colectivos do sector social e os colectivos da muller que puideron seguilo en directo a través das canles en liña da Deputación e do Concello.

Laura Villaverde fixo protagonista, en “Panos de Vinagre”, ao corpo ferido da muller polas numerosas malleiras a mans dun home. A artista foi escaneando as partes do corpo maltratadas para logo empapar as follas escaneadas en vinagre e pegalas na súa pel deixando un intenso cheiro a vinagre na praza. A continuación, unha voz en off narrou como a sociedade vía os maltratos e as decisións que tomaban sobre eles tendo en conta a situación das mulleres e a lexislación vixente hai unhas décadas.

Na súa intervención, Carmela Silva puxo voz a todas as mulleres asasinadas polo machismo ao lembrar as “cifras intolerables” que se acadan ano tras ano. Hoxe, recalcou a presidenta, coñecemos un novo caso que eleva a oito as mulleres asasinadas no que vai de 2021, “dúas mulleres cada mes”, que se suman ás máis de mil asasinadas dende 2003. A presidenta lembrou que esta violencia comeza “moito antes”, cando “as adolescentes son controladas polos seus mozos ou cando imos pola rúa e temos que soportar que nos digan verdadeiras barbaridades”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sentiu moi de preto esta acción “porque na miña familia tamén se viviron episodios de violencia machista”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS