A toma de posesión como Presidente da Xunta nesta lexislatura de Alfonso Rueda o día 13 de abril entra na dinámica deste tipo de actos e polo tanto está dentro da normalidade máis absoluta. Dito doutro xeito, non é un feito insólito en Galicia que transcorran 55 días desde as eleccións á toma de posesión.
Máis aínda 55 días exactos foi o que tardou en tomar posesión Alberto Núñez Feijóo en 2020, pois as eleccións foron o 12 de xullo e o 5 de setembro tomou posesión, pero moi poucos días menos tardou en facelo Emilio Pérez Touriño do PSdeG-PSOE, en 2005 as eleccións foron o 19 de xuño e tomou posesión o 5 de agosto, exactamente 47 días.
O tempo non é sempre igual e depende de varios factores, pero nunca houbo atrasos que poidan ser alarmantes. Aténdonos ás últimas lexislaturas, en 2009 Feijóo tardou desde as eleccións 48 días en tomar posesión, en 2012 só 41 días, en 2016 un total 48 días e en 2020 os mesmos días que se contan na actualidade: 55 días.
Estes datos non terían que ser lembrados se a oposición, primeiro Ana Pontón (BNG) e despois a deputada socialista e exministra, Elena Espinosa, criticaran a tardanza aludindo a razóns de carácter social. «É unha broma de mal gusto que 3 millóns de galegos e de galegas tiveran que agardar preto de dous meses co goberno en funcións pola “axenda social” do PP», dixo xoves Espinosa.
Visto con perspectiva semella ridículo meterse en xardíns dese tipo cando os datos están ao alcance de todos, pero non o é tanto se a mensaxe vai dosificada nas redes sociais e destinada a un público pouco informado que pode considerar a tardanza de 55 días como algo escandaloso, sobre todo cando a exministra fala dun atraso dous meses.
En democracia ningún presidente toma posesión ao día seguinte de ser elixido. As garantías democráticas esixen unha serie de prazos, os deputados e deputadas deben ser identificados, recibir as súas credenciais, tomar posesión e deben comezarse unha serie de trámites. De feito, o Parlamento xa funciona con normalidade coas súas Mesa e comisión creadas, e os grupos xa poden formular propostas.
Se tomamos como referencia a toma de posesión de Emilio Pérez Touriño en 2005 (47 días) e a de Feijóo en 2009 (48 días), que en teoría serían as máis curtas polo feito dun cambio de Executivo e a urxencia de implantar as novas políticas, a toma de posesión de Rueda, 55 días despois das eleccións, non está para nada fóra do normal, especialmente ao tratarse dunha reelección, por tanto unha continuidade independentemente dos cambios -moitos ou poucos- que vaian a producirse.