Trátase de exemplares superlativos que na maioría dos casos unen as súas excepcionais características dendrométricas ou rareza cun destacado valor etnográfico e patrimonial.
A proposta está integrada por un ameneiro (río Loira, Marín); unha araucaria (pazo de Lourizán, Pontevedra); un bidueiro (lago Castiñeiras, Marín); a Carballeira de Brandeso (Arzúa); un carballo e un cerquiño (Cerracín, Friol e Santigoso, A Mezquita); tres castiñeiros (souto do Mola, A Mezquita, Pexeiros 1 e 2, Os Blancos); un eucalipto robusto (O Campo, Marín); e varios teixos (Vilarbacú, Quiroga e Noceda, Folgoso do Courel).
Todos estes exemplares son «verdadeiramente excepcionais», destacando ben pola súa idade (os máis de 500 anos do Castiñeiro do Mola), o seu porte, caso do eucalipto robusto (Eucalyptus robusta Sm.) do Campo en Marín, o de maiores dimensións desta especie en Europa ou o bidueiro do lago de Castiñeiras, tamén en Marín, posiblemente o maior de Galicia, ou tamén o teixo de Vilarbacú (na imaxe), o de maior circunferencia de Galicia.