O goberno local de Ponteareas vén de anunciar Maite Isla como pregoeira do Corpus Christi 2021.
Maite Isla garda unha gran relación co Corpus ponteareán, grazas á súa colaboración coa festividade e á súa labor como alfombrista en distintos tramos alfombrados ao longo da súa vida. Ademais, está vinculada Vinculada ao sector comercial dende hai 45 anos, foi presidenta durante máis dunha década da asociación de comerciantes da localidade e vicepresidenta da Federación Provincial de Comercio. Na comunidade educativa ponteareá, Isla tamén participou como presidenta dunha ANPA local.
Do mesmo xeito, Isla ten presenza no ámbito social ao ser presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, colectivo no que leva involucrada máis de 30 anos na procura de mellorar as condicións de vida tanto dos refuxiados saharauís, como da poboación residente no Sáhara Occidental ocupada por Marrocos. Recentemente, coa aparición da COVID-19, coordinou centos de persoas voluntarias que confeccionaron máis de 200.000 máscaras, traxes e gorros para o persoal sanitario.
Neste sentido, a alcaldesa en funcións,Cristina Fernández Davila, explica que «Maite é un exemplo de persoa loitadora polas causas xustas, con empatía, solidaria e comprometida co ben común, e iso exemplifica á perfección o carácter das e dos alfombristas ponteareáns”.
A lectura do Pregón terá lugar o sábado 5 de xuño no Auditorio Municipal. O goberno local dará a coñecer en datas vindeiras as actividades que, tendo en conta a situación sanitaria, se poidan realizar para a celebración do Corpus 2021.