A praza da Inmaculada acollerá a última fin de semana de marzo, en horario de 12.00 a 16.30 e de 20.00 a 23.00 horas, o III Encontro de Viños da Raia, que será unha das citas gastronómicas do programa das Festas de San Telmo 2024.
Está confirmada a participación das adegas Corisca, Jorge Marcote, Pateira, María Bargiela, Sergio Álvarez, D’ricón, Do Vimbio, Marcio López, Edmun do Val e Xesteiro que presentarán os seus viños brancos, tintos e espumosos. O prezo será dende 2,5 euros a copa.
A gastronomía estará presente da man de Almacén Urbano e de Emma Tapa&Brunch que ofertarán tapas de xamón, queixo, croquetas, empanada de pan de millo e unhas tapas/degustación de meixón, e coma sobremesa rosca de Pascua e tarta San Telmo.
O evento foi presentado polo alcalde, Enrique Cabaleiro e a concelleira de Comercio, Ana Núñez, xunto a Natalia Rodríguez da adega Corisca, Mar Domínguez da adega María Bargiela e Juan Xesteiro da Adega Xesteiro.
Unha ducia de adegas participarán no III Encontro de Viños da Raia
Será en Tui, o sábado 30 e domingo 31 de marzo, e poderase degustar viños brancos, tintos e espumosos, xunto a produtos locais e km 0