lunes, noviembre 25, 2024
InicioNewsComarcasA incidencia baixa en Baiona,Ponteareas e Crecente e sobe en Redondela

A incidencia baixa en Baiona,Ponteareas e Crecente e sobe en Redondela

Arbo continúa como o municipo da bisbarra que presenta a maior incidencia da COVID-19 entre a súa veciñanza.

Segundo a última actualización do SERGAS, a incidencia da COVID-19 nunha semana baixa no municipio de Baiona, de Ponteareas e no de Crecente mentres aumenta no de Redondela. Con todo, os concellos que presentan a maior presión do virus segue sendo Arbo, con máis de 125 contaxios por 100.000 habitantes en 7 días e Gondomar e Vigo con máis de 75 positivos por 100.000.

Baiona e Ponteareas sitúanse agora na incidencia entre os 25 e 75 contaxios por 100.000 habitantes nunha semana polo que, así,  afástanse da zona considerada de riso polo SERGAS. O municipio do Condado rexistra un positivo menos que onte, ata os 17 mentres que o de Val Miñor non supera os 9 casos diagnosticados en 7 días. Con esta mesma situación epidemiolóxica, sitúanse os concellos de Tomiño, Nigrán, As Neves e Salceda de Caselas. Tampouco supera os 9 casos Redondela, aínda que aumenta a presión do virus ao achegarse aos 75 por 100.000.

Crecente, que na anterior actualización do SERGAS atopábase nunha incidencia superior os 75 contaxios por 100.000 habitantes, non rexistra agora ningún positivo en COVID-19 entre os seus veciños e veciñas en 7 días aínda que  a 14 días supera os 150 por 100.000. Xunto a este concello da Paradanta, tampouco teñen casos nunha semana A Guarda, Oia, Pazos de Borbén, A Cañiza, Mos e Mondariz-Balneario. O Porriño, na incidencia máis baixa, con menos de 10 casos por 100.000 habitantes.

Gondomar e Vigo manteñen a presión do virus con respecto a onte con máis de 75 casos por 100.000 habitantes nunha semana. No do Val Miñor, son 15 contaxios, un menos que onte e na cidade olívica aumentan ata os 240 en 7 días, 9 máis que na anterior actualización do SERGAS. Arbo continúa como o municipio coa maior incidencia da bisbarra con máis de 125 positivos por 100.000 habitantes.

Noutra marxe, atópanse os municipios do Rosal, Fornelos de Montes, Mondariz e Covelo que están libres do virus tanto a unha semana como a dúas. Tui, Soutomaior e Salvaterra de Miño rexistran menos de 25 positivos por 100.000 habitantes nunha semana, unha das incidencias máis baixas que contempla Sanidade.

Falece unha muller por mor da COVID-19 na Área Sanitaria de Vigo

Unha muller, con patoloxías previas, faleceu o domingo por mor da COVID-19 en Povisa, segundo o SERGAS. Deste xeito, son xa 422 as persoas que perderon a vida a causa do virus na Área Sanitaria de Vigo.

En canto á presión hospitalaria, son dúas persoas menos ingresadas en camas convencionais ata as 31 e un paciente máis na UCI ata os 6 mentres aumenta o número de positivos activos ata os 734, dous máis que onte.

A Área Sanitaria de Vigo é unha das tres do conxunto de Galicia que aumenta o número de contaxios.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS