Salceda de Caselas sitúase agora nunha incidencia entre os 25 e os 75 contaxios por 100.000 habitantes e volven os casos positivos ao Porriño
Segundo a última actualización de Sanidade, aumenta a incidencia no concello de Salceda de Caselas ao situarse agora entre os 25 e os 75 contaxios por 100.000 habitantes. Con todo, está fóra da zona considerada de risco polo SERGAS. No Porriño volven os positivos en COVID-19 logo de varias xornadas nas que non se rexistraba ningún caso entre a súa veciñanza. Os demais concellos das comarcas manteñen a presión do virus con respecto a onte.
Así, Salceda de Caselas comparte agora incidencia con Oia, Tomiño, Baiona, Gondomar, Tui, Nigrán, Vigo, Pazos de Borbén e Ponteareas ao rexistrar entre os 25 e os 75 casos por 100.000 habitantes.Ningún deles superan os 9 novos contaxios entre a súa veciñanza, agás Ponteareas que conta con 14, un máis que onte; Vigo, con 202, 15 máis que na xornada anterior e Gondomar, con 11, un máis que na anterior actualización do SERGAS.
Cunha mellor situación epidemiolóxica atópanse Redondela, Soutomaior, A Cañiza e Salvaterra de Miño con menos de 25 positivos por 100.000 habitantes nunha semana. Son os municipios do Porriño, Mos, A Guarda, As Neves e Mondariz-Balneario os que se sitúan na incidencia máis baixa que contempla Sanidade con menos de 10 casos por 100.000 habitantes nunha semana. Os tres últimos, sen contaxios novos entre os seus veciños e veciñas en 7 días. Os municipios que si están libres de COVID-19 son O Rosal, Fornelos de Montes, O Covelo, Arbo e Mondariz.
O municipio de Crecente é o que presenta a maior incidencia das comarcas con máis de 125 positivos por 100.000 habitantes nunha semana.
A Área Sanitaria de Vigo, a que máis casos activos rexistra
Con 17 positivos máis que onte, a Área Sanitaria de Vigo rexistra 642 casos activos en COVID-19. Isto quere dicir, que é a área con máis contaxios do conxunto de Galicia. Séguelle a da Coruña con 608. En canto á presión hospitalaria, son catro pacientes ingresados máis por mor do virus ata os 34 en camas convencionais e 4 na UCI.