As persoas asasinadas por defender a República teñen en Redondela un monumento na súa memoria. Estreouse este 14 de abril, 90 aniversario da proclamación da II República española, un ano despois do previsto por causa da pandemia da COVID-19.
No alto da Concheira, na parroquia de Chapela, loce unha escultura na que podemos ler: “En lembranza dos homes e mulleres que defenderon a República. Concello de Redondela 2021”.
A escultura é obra da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra e pode visitarse xa nun dos lugares máis vinculados á memoria histórica de Galicia. Foi neste alto da Concheira onde foron asasinadas 21 persoas, as que se suman outras 21 as que lles arrebataron a vida en diversos lugares do municipio.
A peza está esculpida en granito composta por tres grandes siluetas humanas cun burato no peito. Mide de 2,30 metros e pesa case cinco toneladas. Foi realizado por Ángel Ramón Torres González, alumno de terceiro curso da Escola de Cantería.
Na súa intervención o deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, destacou a importancia do monumento estreado no alto da concheira, obra da Escola de Cantería da Deputación.
A alcaldesa redondelá, Digna Rivas, compartiu cos asistentes un exemplo persoal, o da súa bisavoa Digna.
Illa de San Simón
O alto da Concheira conta tamén co simbolismo da proximidade coa illa de San Simón, o campo de concentración do franquismo polo que pasaron 6.000 persoas represaliadas. O Concello de Redondela declarou este 2021 como “Ano das Mulleres da Illa de San Simón” en homenaxe ás “Madriñas”, termo co que se coñecía ás lavandeiras que, ao tempo que se ocupaban da roupa dos presos, utilizaban todo tipo de argucias para levarlles comida, medicinas ou mesmo recibir ou entregárllelas cartas.