A tudense Dolores Rodal García vén de doar ao Concello de Tui o lenzo “Vista de Tui” pintado polo artista tudense Ricardo Padín en 1870.
O acto formal da entrega tivo lugar o pasado venres, 9 de abril, no salón de plenos da casa do concello. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto a membros da corporación, recibiu a doazón deste cadro da man de Dolores Rodal e dos seus familiares.
Neste acto, tras a sinatura do correspondente documento de doazón, Dolores Rodal expresou o seu desexo e o da súa familia de que esta obra que chegara ao poder dos seus antepasados se incorporase á custodia do Concello tudense para que fose contemplado polo veciños e enriquecese o patrimonio municipal.
Pola súa banda, o alcalde Tui agradeceu, en nome propio e da Corporación Municipal, o xeneroso xesto de Dolores Rodal e a súa familia. Enrique Cabaleiro reiterou a gratitude en nome dos veciños e veciñas de Tui con Dolores Rodal García e a súa familia que expresan deste modo o seu compromiso de cariño coa nosa cidade.
Esta obra pictórica ten gran interese histórico pois recolle unha visión de Tui e Valença co río Miño, previa á construción da Ponte Internacional. Pasará a estar nun lugar visible da Casa do Concello.