O Concello do Rosal conmemora o Día de Rosalía con música e poesía. Será o domingo 25 de febreiro, as 19.00 horas, cando o auditorio municipal acolla a tradicional gala do Día de Rosalía, un acto no que rosaleiros e rosaleiras poderán achegarse á figura e á obra da autora galega máis universal especialmente a través da palabra. Como cada ano, varias persoas procederán á lectura de poemas da propia Rosalía de Castro e o público poderá desfrutar tamén do concerto do cuarteto vogal Son de Corda, que combina nas súas actuacións música a capella con acompañamento instrumental.
Para conmemorar esta data, o Concello de Tomiño vai difundir nas redes sociais e na web municipal un vídeo realizado polo grupo de voluntariado coa lectura do manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega escrito por Carlos Callón. A actividade cultural continuará a mesma tarde do venres 23 no Mercado Municipal de Tomiño, no que a partir das 19.00 horas o grupo Saraghallada lerá poemas musicalizados de Rosalía de Castro nunha actuación de balde aberta a todos os públicos. Será durante o encontro cando se repartan as bolsas de tea coa imaxe gañadora do concurso de deseño organizado polo Concello para conmemorar o Día de Rosalía. Un ano máis, repartiranse exemplares dos manteis de ‘Caldo de Gloria’ entre os comedores dos centros educativos. Os bares e restaurantes tomiñeses ou os veciños e veciñas que desexen contar con eles poden solicitalos e recollelos nas Oficinas Xerais da Casa Consistorial. Por outra banda, durante todo o venres 23 as librerías tomiñesas ofrecerán un 10% de desconto en todos os libros escritos por Rosalía ou aqueles publicados sobre a autora.
O Concello de Tui ten preparado diversas lonas con varios dos poemas máis populares de Rosalía de Castro que se colocarán na fachada da súa sede así como na Praza da Inmaculada para lembrar esta celebración e contribuír á difusión da súa obra poética. Ademais, o xoves, 22 de febreiro, o Teatro Municipal acollerá a proxección da curtametraxe “A rosa incandescente” e sumandose á iniciativa de ofrecer o “Caldo de Gloria” diversos establecementos de restauración do municipio ofrecerán este produto aos seus clientes.