Desta forma, os maxistrados revogaron a resolución de primeira instancia no que concirne á negativa a revisar a tarifa do ano 2021, polo que condenou á entidade local a calcular esa tarifa “conforme a fórmula prevista na cláusula 62 do prego reitor, cos datos do período comprendido entre o 1 de outubro de 2019 e o 30 de setembro de 2020 para todos os factores aí previstos, a excepción do número de viaxeiros, para o que se terá en conta o que vai desde o 1 de outubro de 2018 ao 30 de setembro de 2019, co pago da suma que resulte, cos seus intereses”.
Na sentenza, a Sala explica que a ausencia da revisión do ano 2021 “tivo a súa xustificación no feito extraordinario producido durante o período comprendido entre o 1 de outubro de 2019 e o 1 de setembro de 2020, con ocasión da pandemia da COVID-19, o que alterou de forma substancial a fórmula, metodoloxía e resultados para facer o cálculo do número de viaxeiros, de cuxas resultas se dispuxo que, para o ano 2021, seguirían vixentes as tarifas do ano 2019”. Ademais, os maxistrados do alto tribunal galego indican que o xuíz de instancia acolleu a pretensión de que se incrementase a tarifa do ano 2022 por encima da calculada naquel acordo municipal, pero negou que procedese a revisión da do ano anterior.