martes, noviembre 26, 2024
InicioComarcasO CondadoAbril, mes dos libros en Ponteareas

Abril, mes dos libros en Ponteareas

O ciclo de presentacións iníciase o 15 de abril co libro de Anabel Antela Castro A lingua galega no sector téxtil.

A Concellaría de Cultura do Concello de Ponteareas, para celebrar o Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor -que se conmemora o 23 de abril-, levará a cabo unha serie de presentacións de obras de autoras vinculadas co municipio da Vila do Tea. O propósito é, para alén de homenaxear o soporte principal a través do que se comunica a cultura, destacar a importancia dunha creación “literaria” propia que chega a través de diferentes xéneros: ensaio, poesía (para todas as idades) e novela.

Os actos de presentación desenvolveranse todos na sala multiúsos do auditorio municipal. O ciclo de presentacións iníciase o 15 de abril co libro de Anabel Antela Castro A lingua galega no sector téxtil. Visión, opinión e posición da xeración millenial galega. Seguirá o sábado 17, da man da autora Hortensia Bautista e da súa ilustradora Aurora Quinteiro, para descubrir Bambán de vento, unha proposta para o público infantil e xuvenil. O xoves 22, a poeta Teresa Ríos Noya presenta a seu primeiro poemario Non estamos preparados para medrar. O día 29 de abril, Yaiza Cameselle falará sobre a súa primeira obra La guerra de Elisabeth. E, para clausurar este ciclo, Alexandro Bouzó presentará a súa primeira novela: Pensamiento contrafáctico, o día 30 de abril.

“Nestes intres, en Ponteareas, a creación literaria está vivindo unha etapa de esplendor coa aparición de autoras e autores novos que abarcan os distintos eidos das letras. Para nós, esta é a actividade que pecha o ciclo que abrimos cos obradoiros de escrita creativa que levamos realizando dende o ano 2015 -agora mesmo en funcionamento un sobre escrita teatral que guía a dramaturga covelense Laura Porto- e que alimentamos convocando diferentes certames e premios de creación literaria e investigación e publicando volumes cos textos premiados” sinala o edil de Cultura, o nacionalista Fernando Groba Bouza.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS