Axentes da Garda Civil logran desmantelar un entramado delincuencial asentando na cidade de Vigo, no que resultaron detidas catro persoas tras ser denunciadas por secuestro.
A actividade levouse a cabo no marco da Operación Yaunde e entre os detidos atópase un cidadán portugués que lideraba o grupo e que foi detido o pasado mes de febreiro na cidade olívica.
A investigación tivo a súa orixe o pasado 15 de novembro, a través dunha denuncia interposta por un familiar directo dunha das vítimas. O denunciante, comunicou á Garda Civil de Ciempozuelos a situación na que se atopaba o familiar, xunto a outra persoa, e que lles reclamaban 500.000 euros se desexaban que foran liberados.
Pasadas as sete da tarde do 16 de novembro, os reféns foron postos en liberdade nas inmediacións da estación de tren de Vigo, onde foron localizados pola Garda Civil. Os reféns recibiron asistencia sanitaria debido ás feridas que presentaban e aportaron datos á investigación que permitou comezar a encaixar as pezas do caso e gracias ao que foi posible a plena identificación dos autores dos feitos.
Así, e segundo aportan dende as fontes da Garda Civil, a información proporcionada permitiu coñecer que as vítimas foran trasladadas a Vigo co fin de pechar un negocio, acudindo un deles como intérprete.
Tras a chegada á localidade pontevedresa, foron abordados violentamente e introducidos en respectivos maleteiros de vehículos, ata un poblado marxinal próximo á cidade onde foron brutalmente atacados e permaneceron maniatados con ollos e boca tapada con cinta americana durante toda a noite.
Durante os tres días que durou o secuestro, os captores retiveron ás vítimas en diferentes lugares, chegando incluso a cruzar a fronteira a Portugal.
Tras identificar plenamente ao cabeza do grupo, o pasado 28 de febreiro procedeuse á súa detención en Vigo, continuando a investigación ata lograr identificar ao resto de integrantes.
A investigación foi desenvolvida polas Unidades Orgánicas de Policía Xudicial de Madrid e Pontevedra, baixo a dirección do Xulgado de Instrución Nº2 de Vigo e a Fiscalía de Vigo.