Os servizos municipais xa estaban plenamente operativos esta mañá en Tui polo que desde o Concello estudase agora unha nova data para a realización das actividades das Festas de San Telmo, que onte tiveron que suspenderse.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou que non se rexistraron grandes incidencias, destacando “o comportamento exemplar da cidadanía”, polo que trasladaba o seu “recoñecemento e gratitude”. O mandatario tudense agradece o traballo dos corpos e forzas de seguridade e emerxencias, indicando que Policía Local, Garda Civil e Protección Civil que “estiveron até altas horas da madrugada de servizo por se se producía calquera incidente, que afortunamente non se produciu”.
Saneamento e abastacemento
Enrique Cabaleiro sinalou que onte preocupaban os servizos de saneamento e abastecemento, que xa funcionan con normalidade logo de que a primeira hora desta mañá se restableceran os grupos de presión que abastecen ás zonas máis elevadas das parroquias de Caldelas, Guillarei, Rebordáns e Ribadelouro.
San Telmo
Afirmou o alcalde de Tui que “dentro da situación complexa que se deu, no ámbito do concello de Tui temos que relatar moi poucas incidencias que foron xa resoltas”. Tui viviu o apagón en pleno día grande das festas de San Telmo. Nese senso o rexedor tudense sinalou que foi “unha mágoa porque era un día de moito ambiente na rúa e todo parecía indicar que ía ser un dia magnífico”.
A Concentración Cabalar, no barrio de San Bartolomeu mantivo a súa actividade ao longo de toda a xornada. A Banda Xuvenil de Tui actuou no Paseo da Corredoira, mentres que o concerto da Escola Naval Militar de Marín, previsto inicialmente no Teatro Municipal, tivo que trasladarse cara a praza exterior do Mercado de San Antonio, onde numeroso público disfrutou o amplo e variado programa interpretado por esta agrupación.
Pasadas as sete da tarde entraba na cidade a Banda de Guerra e Guión da Brilat, que tras un percorrido polas rúas do centro urbano realizou a homenaxe aos confrades falecidos diante da igrexa de San Telmo. Autoridades, tudenses e visitantes encheron o adro da igrexa e as escaleiras da rúa Párroco Rodríguez Vázquez, para presenciar este acto nunha calorosa tarde.
Sen verbena
Debido á declaración de emerxencia nivel 2 foi suspendida a verbena a cargo de Los Satélites e tamén a tirada de fogos piromusicais. Dende o Concello traballan xa en buscar unha nova data para a celebración destes eventos.
Ante esta situación de emerxencia non se puido celebrar a procesión na honra a San Telmo que cada ano sae da Catedral para percorrer as principais rúas do centro urbano, nun evento multitudinario. Onte finalmente so se puido levar a cabo a ofrenda ao Santo. As autoridades, presididas polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e entre as que estaba a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, a deputada de Turismo, Nava Castro, e o bispo da Diocese de Tui-Vigo, Monseñor Antonio Valín, entre outros, realizaron un pequeno percorrido dende a praza do Concello, a rúa Seixas, e a praza de San Fernando. Con aplausos e emoción era recibida a imaxe de San Telmo a súa saída da Catedral até o Pórtico. Do mesmo xeito os aplausos volveron resoar con forza cando a imaxe volveu entrar no tempo catedralicio completamente a escuras.