O servizo de Gardacostas de Galicia continúa realizando tarefas de vixilancia contra o furtivismo e o calado de artes prohibidas na costa galega. Como resultado destes traballos, no día de onte levou a cabo unha operación de comisos de gran envergadura entre cabo Silleiro e A Guarda na que o servizo autonómico tivo que mobilizar catro embarcacións: a Mar de Galicia, Punta Roncadoira, Valentín Paz de Andrade e Irmáns García Nodal. O resultado do operativo foi a incautación de 2.073 nasas de polbo, 8 pezas de trasmallo non identificadas e 377 quilos de polbo, dos cales 28 eran femias ovadas. Os axentes non puideron identificar os autores desta infracción e todo o produto foi devolto ao mar.
Desde a Consellería do Mar continúase traballando na detección e retirada destes aparellos irregulares que poñen en risco a conservación deste prezado recurso pesqueiro. Cabe lembrar que Galicia atópase no mes de parada biolóxica do polbo, que precederá a outros dous meses de veda co fin de preservar o recurso. Así, a través dos medios marítimos adscritos ao servizo de Gardacostas séguense realizando rastreos por todo o litoral en busca de artes de pesca non autorizadas, que incumpren a normativa vixente e non respectan os períodos de descanso establecidos para a explotación sostible dos recursos mariños.
