O Concello de Salceda de Caselas ultima os preparativos para a XII edición da proba deportiva correXsalceda 2025, que terá lugar na mañá do domingo día 4 de maio. A concellaría de deportes que dirixe Marcos Troncoso, xunto coas Escolas Deportivas de Salceda coordinan esta carreira pedestre que cada ano reúne entorno a unhas 800 persoas da contorna.
O evento conta coas modalidades raíñas de 10km e 5km que darán o seu pistoletazo de saída ás 10.30 nun percorrido xa clásico e coñecido para as persoas participantes. Tan só cinco minutos máis tarde darase a saída para a categoría de 2.500 metros. Unha vez rematadas estas tres probas, será o momento das categorías escolares/menores que irán saíndo en diferentes quendas dependendo da franxa de idade.
Esta proba alterna parte do seu trazado en casco urbano co percorrido por varias das sendas fluviais do concello polas inmediacións dos ríos Landres, Caselas ou Lagoela.
A inscrición para a proba permanecerá aberta ata o próximo mércores día 30 de abril na ligazón http://championchipnorte.com e o prezo, unha vez rematado o prazo de bonificación, será de 8 euros para as probas de 10k e 5k. A inscrición nas categorías escolares/menores é de balde, tendo que aportar 1 kg de alimentos non perecedoiros para o Programa municipal de alimentos. A información acerca do regulamento e o percorrido está dispoñible na páxina web deportesalceda.gal.
O concelleiro de deportes Marcos Troncoso confía en que “esta edición da correXsalceda suporá un ano máis a oportunidade de abrir o noso concello ás persoas visitantes que acudan a este evento a través do deporte, dinamizando ademais o comercio e hostelería local, e ofrecendo unha xornada para o desfrute en familia”.