viernes, abril 25, 2025
InicioNewsRueda lanza novas medidas en industrial, vivenda, atención aos maiores e apoio...

Rueda lanza novas medidas en industrial, vivenda, atención aos maiores e apoio ás familias

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa primeira intervención no Debate sobre política xeral no Parlamento, avanzou varias medidas para impulsar novos proxectos industriais na comunidade, ampliar a oferta de vivenda, apoiar ás familias e persoas maiores, ou mellorar a calidade asistencial na sanidade pública para así seguir proxectando unha Galicia en grande.

Unha das iniciativas anunciadas esta mañá no Parlamento é un paquete de medidas para impulsar o sector aeroespacial, da seguridade e da defensa en Galicia, un ámbito no que está previsto que se produzan importantes investimentos como consecuencia do contexto internacional, do que dependen máis de 4.200 empregos na comunidade e que creceu un 60% nos últimos anos.

Rueda informou de que a Xunta vai destinar máis de 180 millóns de euros ao longo desta década para fomentar o crecemento deste sector e facer fronte ao incremento da demanda prevista. Un plan estratéxico baseado en tres piares: a colaboración público-privada para promover novos proxectos; a posta en marcha dun servizo de asesoramento para as empresas que decidan reorientarse cara a este sector e a creación dun fondo de investimento específico para apoiar o desenvolvemento nestas tecnoloxías, dirixida a industrias con centros de traballo en Galicia.

Axudas europeas

Ademais, o titular do Executivo autonómico volveu demandar ao Goberno central equidade á hora de distribuír os fondos europeos e que a industria galega reciba o apoio que se lle prometera. Nesta liña, Rueda resaltou que a Xunta vai reclamar ao Executivo estatal que destine de maneira directa 1.300 millóns de euros dos fondos europeos aínda sen mobilizar polo Estado ao tecido industrial da comunidade, porcentaxe que lle corresponde a Galicia polo seu peso poboacional dentro de España.

Novas competencias

Na súa intervención, Rueda fixo fincapé no acordo histórico que se levou a cabo hai unhas semanas co Goberno central e que permitirá a Galicia a plena xestión da súa costa. Ao amparo da Lei de xestión integral do litoral, o presidente avanzou que a Xunta xa traballa na planificación dunha rede de sendas que conectarán o litoral galego desde Ribadeo ata A Guarda. Ademais, vaise crear unha guía para a integración dos establecementos hostaleiros do litoral e garantir o respecto e a harmonía paisaxística e convocarase unha liña de axudas para recuperar e rehabilitar edificacións valiosas a nivel arquitectónico, histórico e cultural.

Rueda destacou a necesidade de que Galicia amplíe o número de competencias para mellorar a xestión dos servizos e a calidade de vida dos cidadáns. Nesta liña, o presidente indicou que a Xunta negociará co Goberno central a xestión compartida das alertas meteorolóxicas, reiterará a súa petición de transferir a AP-9 a Galicia e de co-xestionar o Ingreso Mínimo Vital e reclamará que sexa a comunidade a encargada de xestionar os permisos de traballo dos estranxeiros que chegan a Galicia para traballar ou emprender.

Neste ámbito, o presidente explicou que a proposta da Xunta é solicitar ao Estado a transferencia vía lei orgánica das competencias en execución da lexislación laboral en materia de autorizacións de traballo dos inmigrantes. O obxectivo é axilizar os trámites que teñen que realizar as persoas doutros países que desexan traballar en Galicia.

Apoio ás familias

No ámbito educativo, o presidente destacou a importancia da aposta da Xunta por unha Educación gratuíta en todas as súas etapas, que impulsa o uso do galego e que introduce dun xeito razoable o uso das novas tecnoloxías.

Rueda tamén adiantou que Galicia vai implantar na vindeira declaración da renda unha nova desgravación por compra de libros e material escolar coa que os fogares de entre 10.000 e 30.000 euros de renda anual per cápita poderán descontar o 15% do gasto ata un máximo de 105 euros por alumno.

Por outra banda, a Xunta seguirá traballando para consolidar Galicia como un referente da I+D+i. Por iso, ao longo deste ano iniciaranse os traballos para elaborar a nova Lei de ciencia e innovación de Galicia co obxectivo de situar á comunidade entre as rexións europeas coa lexislación máis punteira.

Ademais, o Goberno galego segue traballando para loitar contra calquera tipo de violencia nos centros educativos. Por iso, o Executivo autonómico creará este ano unha rede de concellos contra o acoso escolar para previr e actuar ante este tipo de situacións.

Dependencia

Na súa intervención, Rueda tamén anunciou que a Xunta vai levar a cabo durante esta lexislatura o plan de construción de novas residencias de maiores máis ambicioso da historia da comunidade. En colaboración co sector, o Executivo autonómico prevé construír 24 centros que habilitarán 1.800 novas prazas de atención aos maiores en concellos de menos de 50.000 habitantes.

Isto permitirá incrementar un 15% as prazas públicas actuais, xerará un milleiro de postos de traballo no sector sociosanitario e achegará este servizo a localidades que ata o momento non dispoñían dun centro deste tipo.

Ademais, nos vindeiros meses, a Xunta lanzará un proxecto piloto para mellorar a atención dos pacientes con patoloxías crónicas, complexas e avanzadas que vivan nun centro residencial ou que reciban os coidados dun familiar no seu domicilio. O obxectivo é ofrecer unha asistencia con enfoque multidisciplinar tanto a nivel social como sanitario.

Sanidad

A Xunta seguirá traballando para manter Galicia como referente internacional no ámbito da prevención e co calendario de vacinación máis completo do mundo. Nesta liña, Rueda anunciou que o vindeiro curso ampliarase a vacina intranasal contra a gripe a todos os nenos entre 2 e 11 anos -agora era para menores de dous a cinco- e que se porá en marcha un programa piloto para administrala nos centros educativos.

Ademais, o Executivo autonómico continuará reforzando as áreas de saúde mental dos centros públicos coa contratación de 35 novos psicólogos clínicos ao longo desta lexislatura e un investimento de 28 millóns en programas específicos só neste 2025.

Vivienda

No seu compromiso por ampliar a oferta de vivenda na comunidade, Rueda anunciou que a Xunta porá en marcha un novo programa de axudas para rehabilitar e renovar inmobles baleiros que precisen dunha reforma para poder saír ao mercado do aluguer.

As achegas irán dirixidas a propietarios que garantan que van alugar a vivenda durante polo menos cinco anos. Cada beneficiario recibirá unha media de 12.000 euros para as obras, cantidade que será superior no caso de que se alugue o inmoble a xente nova ou familias con fillos pequenos.

Cómpre lembrar que a Xunta ten o compromiso de duplicar o parque de vivendas públicas de Galicia ata chegar a un total de 8.000 nesta lexislatura.

Concellos

Durante a súa intervención, Rueda destacou a aposta da Xunta por colaborar e apoiar aos concellos para mellorar os servizos que ofrecen aos seus veciños. O presidente avanzou que no primeiro semestre deste ano vaise tramitar a nova Lei de administración local de Galicia para reforzar aínda máis a relación entre institucións.

O titular do Executivo autonómico destacou ademais o compromiso do seu Goberno á hora de facer fronte ao reto demográfico que afecta a gran parte de Europa e que ten consecuencias tamén a nivel municipal. A Xunta vai crear un réxime especial para os concellos en risco de despoboamento con actuacións e plans específicos e cun reforzo dos fondos autonómicos.

Sector primario

O presidente tamén adiantou varias medidas de apoio a dous sectores estratéxicos da comunidade como son o agro e a pesca. Por unha banda, a Xunta creará unha rede de centros de innovación agroalimentaria no rural para asesorar ás iniciativas empresariais que multipliquen o valor engadido dos produtos galegos.

E, por outra, lanzará un bono para estimular o consumo de peixe fresco, dotado de 50 euros. A Xunta investirá 2,5 millóns de euros ao longo de dez semanas -que se liberarán a razón de 5 euros semanais- para que os beneficiarios teñan descontos na compra de peixe semanal. Un desconto que será acumulable no caso de non aproveitalo no período asignado.

Turismo

O presidente tamén adiantou varias medidas de apoio a dous sectores estratéxicos da comunidade como son o agro e a pesca. Por unha banda, a Xunta creará unha rede de centros de innovación agroalimentaria no rural para asesorar ás iniciativas empresariais que multipliquen o valor engadido dos produtos galegos.

E, por outra, lanzará un bono para estimular o consumo de peixe fresco, dotado de 50 euros. A Xunta investirá 2,5 millóns de euros ao longo de dez semanas -que se liberarán a razón de 5 euros semanais- para que os beneficiarios teñan descontos na compra de peixe semanal. Un desconto que será acumulable no caso de non aproveitalo no período asignado.

Loita contra a violencia de xénero

Tal e como anunciou o presidente, a Xunta reforzará a Rede de Centros de Información á Muller coa creación de catro novos CIM móbiles -un por provincia- que percorrerán os concellos rurais e os campus universitarios para identificar posibles casos de violencia de xénero ocultos e apoiar ás vítimas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS