sábado, mayo 3, 2025
InicioNewsActualidadeSancións de 17.000 euros a catro persoas por pescar de xeito irregular...

Sancións de 17.000 euros a catro persoas por pescar de xeito irregular nas Illas Atlánticas

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural resolveu nos últimos días tres expedientes sancionadores por pesca irregular no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia que afectan a un total de catro persoas e por un importe global que supera os 17.400 euros.

O departamento dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático iniciou os procedementos a raíz de distintas denuncias presentadas polos axentes medioambientais ou forestais presentes na contorna e unha vez analizadas as probas e evidencias facilitadas. Posteriormente deuse a posibilidade aos interesados de que presentasen alegacións no marco do procedemento administrativo seguido contra eles. 

Catro expedientes

O primeiro dos expedientes, cunha sanción de 6.002 euros, é contra unha persoa por practicar pesca deportiva desde embarcación a motor e marisqueo mediante mergullo con pesas sen autorización en augas do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Polo tanto, impútaselle a comisión de dúas infraccións administrativas graves recollidas na lei pola que se declara o parque, concretamente a realización de actividades de pesca deportiva non permitidas e a navegación e práctica do submarinismo en augas do parque, así como o fondeo e amarre nos arquipélagos sen a autorización correspondente.

O segundo caso, no que se impón unha sanción solidaria de 9.003 euros a dúas persoas, é por practicar a pesca deportiva empregando unha embarcación de lecer -da 7ª lista- no arquipélago de Ons. Durante a instrución considerouse probado que os interesados estiveran pescando de xeito irregular e que navegaran e fondearan na zona sen contar coa autorización necesaria para poder facelo. 

O terceiro expediente, cunha sanción de algo máis de 2.400 euros, é contra unha persoa por realizar pesca deportiva desde embarcación a motor nas proximidades do illote Centolo, tamén dentro do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Neste caso, considérase que incumpriu a norma que impide a realización de actividades de pesca deportiva nos espazos pertencentes a esta área protexida. 

Nos dous primeiros casos cabe a posibilidade de que presenten recursos de alzada na vía administrativa ante a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático mentres que no último xa só podería recorrer ao contencioso-administrativo pois o interesado presentou durante a tramitación do expediente unha declaración de renuncia ao exercicio de calquera acción ou recurso en vía administrativa, beneficiándose así dunha redución na contía da sanción do 20% en relación coa proposta inicial. 

A Xunta lembra a importancia de velar pola «protección dos espazos naturais protexidos da comunidade e a transcendencia de loitar contra as actividades furtivas -as actividades cinexéticas e de pesca deportiva prohibidas- acompañando o labor de vixilancia coa concienciación do conxunto da cidadanía no respecto ao medio ambiente».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS