sábado, abril 19, 2025
InicioConcellos +A CañizaSemana Santa no sur de Pontevedra: rutas, procesións e gastronomía

Semana Santa no sur de Pontevedra: rutas, procesións e gastronomía

A Semana Santa convértese nunha oportunidade única para descubrir a esencia de cada localidade. Máis alá do seu marcado carácter relixioso, os municipios da provincia de Pontevedra mostran as súas esencias con propostas que combinan a tradición coa modernidade e as costumbres ancestrais co desfrute ao aire libre.

Así, municipios como Arbo, Baiona, A Cañiza, Covelo, Mos, As Neves, Nigrán, Ponteareas, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui despregan unha ampla e diversa programación que invita a residentes e visitantes a vivir unha experiencia diferente en cada rincón.

Estas son algunhas das actividades que se poderán realizar esta Semana Santa:

ARBO

A unha semana da gran celebración do municipio, a Festa da Lamprea, Arbo abre durante estes catro días o seu Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea, Arabo. A entrada é gratuíta e o horario de apertura é de 11:00h a 14:00h.

Ademais, o municipio ofrece diferentes rutas e sendeiros para coñecer o seu patrimonio natural como son o Sendeiro Miño-Deva, a Ruta das Pesqueiras ou o Sendeiro da Moura.

BAIONA

Baiona organiza visitas guiadas para descubrir o Centro Histórico da vila. As visitas están programadas en dos turnos, para público adulto e familiar.O sábado 19 terá lugar a visita polo Centro Histórico enfocada ao público adulto. Para o público infantil o venres 17 será a visita «Seguindo os pasos do Drake». Todas as saídas partirán da Oficina de Turismo ás 11:30h.

A CAÑIZA

Degustar un bocadillo de xamón na famosa «Vila do Xamón» ou visitar o antigo monasterio de Santa María da Franqueira son tan só algunhas das actividades que se poden realizar esta Semana Santa en A Cañiza. Tamén é posible visitar A Cañiza paseando polas súas rúas empedradas e desfrutar da súa natureza autóctona visitando a Fraga do río Calvo ou realizando a ruta da Cidade Castrexa das Grandes.

COVELO

Covelo ofrece dúas actividades gratuítas para desfrutar da súa natureza e patrimonio. Para o sábado 19 de abril, o municipio acolle a ruta guiada da Poza Piñeiro con saída no Cemiterio de Piñeiro ás 9:00h. O domingo 20 de abril o Serradoiro de Carranos ofrece xornada de portas abertas con catro pases ao longo do día. Para ambas actividades é preciso inscribirse previamente no 645 500 652.

MOS

A parroquia de Pereiras celebra o venres 18 de abril, a partir das 22:30h a XI Festa da Xuventude con DJ’s como Kris Rguez, Pitti, Samu Pexe ou Diego Mei. Tamén en Mos, pódense descubrir as súas paraxes naturais paseando a través dos seus camiños como o Sendeiro dos Dólmenes ou o Sendeiro do Monte Salgueirón. Igualmente, tamén se pode visitar o seu patrimonio cultural como é o emblemático pazo de Mos.

AS NEVES

O venres 18 e o sábado 19 de abril, o municipio de As Neves celebra unha das súas festas máis autóctocas: a Feira do Requeixo e o Mel. Alí, haberá postos gastronómicos para probar a grande especialidade, que é o requeixo, postos de artesanía, actividades para todas as idades e actuacións musicais. O pregón será ofrecido polo humorista Carlos Blanco o venres 18 de abril ás 13:00h.

NIGRÁN

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 19 de abril ás 18:00h, finalmente no Auditorio, o espectáculo de narración oral «Pelica de Burra», evento encadrado no programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística «FalaRedes 2025». A narración a cargo de Vero Rilo está pensada para os máis pequenos da casa e trasládanos ao ano 2735 acompañados da música de Luís Iglesias.

PONTEAREAS

O sábado 19 de abril, a Residencia de Artistas Artistea abrirase ao público durante toda a mañá para coñecer o espacio e as súas instalacións. A visita poderá realizarse entre as 10:00h e as 14:00h. Ademais, ás 19:00h terá lugar a presentación dos proxectos realizados polos artistas durante a segunda residencia adicada ao cómic e á banda deseñada.

PORRIÑO

Desfrutar dun paseo agradable a orillas do río Louro recorrendo os seus laterais a través de sendeiros ou realizar un roteiro polo centro da vila coñecendo as obras arquitectónicas que Antonio Palacios realizou no municipio como a Casa Consistorial, o templete de San Luís ou a Fonte do Cristo son algunhas das actividades que se poden realizar esta semana Santa no Porriño.

REDONDELA

Percorrer o paseo da Praia de Cesantes admirando as vistas á Illa de San Simón é un dos plans que se poden realizar en Redondela. Outra das opcións é o Museo Meirande para coñecer toda a historia sobre a ría de Vigo ou a construción da Ponte de Rande. A entrada é gratuíta e recomendable para toda a familia. O horario de apertura é de 11:00h a 14:00h e de 15:30h a 19:00h.

O ROSAL

O Concello do Rosal organiza visitas guiadas aos Muíños do Folón e do Picón, un grupo de muíños en fervenza datados do século XVIII. As visitas realizaranse este venres 18 de abril ás 17:00h e o sábado 19 de abril ás 11:00h. O percorrido é de dificultade moderada e de aproximadamente 3,5 quilómetros. A actividade é gratuíta pero é necesario reservar praza a través do teléfono 618 029 916.

SALCEDA DE CASELAS

Un paseo a pé ou unha ruta en bicicleta polo Sendeiro do río Caselas pode converterse nunha das actividades máis agradables para esta Semana Santa en Salceda de Caselas. Ao longo do traxecto, poderán visitarse e descubrir todos os seus antigos muíños que transcorren dende a igresa parroquial de Santa María ata o barrio da Picoña. Ademais, polo camiño hai merendeiros onde parar a comer ou descansar.

SALVATERRA DE MIÑO

Salvaterra de Miño acolle a terceira semana da Ruta Pinchoterra este venres 18 de abril. Trátase dunha ruta gastronómica onde cada local ofrece un pincho a un prezo de tres euros. Para completar o día, as persoas que se acerquen poderán visitar o Espazo Lúdico Termal de Teáns, situado na parroquia de Oleiros e sumerxirse en pozas de auga quente.

TOMIÑO

Realizar unha ruta polos catro miradoiros que ofrece o municipio de Tomiño será unha aventura para todos os sentidos. O mirador do Niño do Corvo, o de Pedra Furada, o dos Viñedos de Vilachán e o de Pedrada conforman esta ruta dende a que se pode observar o Esteiro do río Miño ata unha vista novedosa das vilas de Tomiño e do Rosal.

TUI

Tui acollerá este venres 18 de abril a saída dos pasos de Semana Santa dende a Capela da Misericordia ata a praza de San Fernando. O programa abrirase ás 11:00h. Do mesmo xeito, ás 20:00h terá lugar a procesión do Santo Enterro con saída dende a igrexa de Santo Domingos.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS