Subir ata un dos miradoiros Rosal, escoitar lendas antigas entre penedos furados e rematar baixando por antigas minas de ouro. Así será a segunda andaina interpretativa deste 2025 organizada polo Concello, que terá lugar o domingo 27 de abril ás 10:00 horas da mañá e que promete converterse nunha experiencia inesquecible para amantes da natureza e do patrimonio.
Antigas minas de ouro das Bornas
Nesta ocasión, as persoas participantes ascenderán ata o Niño do Corvo a 312 metros de altitude, visitarán a Pedra Furada, coñecerán historias e crenzas populares da zona e rematarán o percorrido descendendo polas antigas minas de ouro das Bornas. Un percorrido de 9 quilómetros e dificultade moderada que destaca polo seu enorme interese paisaxístico, con espectaculares miradoiros naturais sobre a foz do Miño e o monte Tegra, así como polos seus valores históricos e arqueolóxicos, que serán comentados ao longo da andaina por persoal especializado.
“O programa das andainas interpretativas é unha aposta clara polo turismo sostible, activo e con identidade. Queremos que quen nos visite pero tamén quen viva aquí poida descubrir o Rosal a pé, sentindo o territorio, escoitando as súas historias e coñecendo a súa riqueza natural e cultural”, explica o concelleiro de Turismo e Deportes, José Carlos Martínez Crespo.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente, a través do formulario habilitado na web do Concello ou no Rexistro. Unha vez pechada a inscrición, enviarase por correo electrónico toda a información práctica, incluíndo o punto de saída, recomendacións sobre roupa cómoda, comida, auga e a declaración responsable necesaria para participar.
