O grupo municipal do Partido Popular de Vigo pediu este martes ao goberno local que active «canto antes» a venda de entradas para os concertos de Castrelos en lugar de «deixalo, como sempre, para última hora«.
O voceiro do PP no Concello de Vigo, Miguel Martín, formulou esta solicitude despois de que «o goberno local aprobara a primeira das catro prórrogas que contempla o actual contrato para xestionar a comercialización dos billetes e o control dos accesos ao auditorio», segundo explica.
A proposta do concelleiro popular busca «evitar as queixas e incidencias xeradas en anos anteriores debido á habitual tardanza do Concello, que agarda ao mes de xullo para iniciar o proceso». Martín indica que «somos conscientes de que a planificación e os prazos non son precisamente os puntos fortes de Abel Caballero, pero estaría ben que fixese de vez en cando algunha excepción».
Exemplo de Jennifer López
Así mesmo, lembrou que «a práctica habitual en todas partes salvo en Vigo» é sacar á venda as localidades pouco tempo despois de anunciarse os concertos. «Estámolo comprobando estes días coa actuación prevista de Jennifer López en Pontevedra, onde mañá mesmo saen as entradas á venda, case tres meses antes do evento. Xusto o contrario do que fai o goberno de Abel Caballero, que o atrasa ata o final», engadiu.
Ante o «interese» que sempre suscitan as actuacións musicais de Castrelos, Martín reclamou unha «maior e mellor planificación» que permita ao público «saber xa se poderán seguir ou non desde a platea os concertos que lles interesan». Así, instou a poñer á venda «canto antes» as entradas daqueles eventos xa anunciados ou, no peor dos casos, «activar esa comercialización de billetes en canto se teña pechado o cartel».
«Non ten ningún sentido que o alcalde estea anunciando a data dos concertos con meses de antelación pero a día de hoxe nin sequera se saiba cando se poden comprar os tíckets«, sentenciou o voceiro municipal popular.
