A segunda das residencias Artistea, en Ponteareas, denominada nesta ocasión «Artistea Emerxe» iniciase este luns 14 de abril con sete participantes. O historietista galego, Miguel Anxo Prado, ofrecerá ás 11:30h a clase maxistral que inicia a semana e que contará con dúas partes, a primeira aberta á cidadanía previa inscrición e a segunda só para os e as residentes.
Esta segunda edición abre as súas portas ·con enerxía e a pleno rendemento», aseguran dende a dirección, cun programa que levará ás e ós artistas a coñecer parte do patrimonio histórico e medioambiental de Ponteareas, a recibir formación e a traballar en equipo e tamén de forma individual.
Durante toda a semana, desenvolverán proxectos de cómic e documental cos creadores e creadoras Agustín González, Daniel Martínez, Eva Agra, Eva Antelo, Iago Pousa, Iria Fernández e Raquel Díaz.
A alcaldesa, Nava Castro, e a concelleira de Emprendemento Silvia Fernández Táboas, desexan «a todos os participantes que teñan unha boa estancia, que atopen recursos interesantes en Ponteareas e que os invitan a trasladar as súas propostas». Rexedora e edil, destacaron «a riqueza que supon recibir novos vistazos e percepcións que ademais de crear tamén coñecerán o concello e serán axentes de difusión da actividade e patrimonio da vila».
Entre as actividades previstas para os e as artistas, destacan visitas guiadas ao museo de Ponteareas, ao Castro de Troña, ao Castelo de Vilasobroso e clase no CEDEP.
O punto final terá lugar o sábado 19 de abril ás 19:00h en Artistea, momento no que os e as residentes presentarán ao público o resultado da súa intensa residencia. Ese mesmo día, de 10h a 14h haberá unha xornada de portas abertas para coñecer o funcionamento da institución.