A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia vai poñer en marcha unha nova liña de préstamos de circulante de ata 1 millón de euros, ampliable, e con catro anos de carencia -o dobre que o habitual-, para mitigar o impacto que poidan ter os aranceis nas empresas galegas.
Xunto cos titulares de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; do Medio Rural, María José Gómez; e do Mar, Alfonso Villares, Lorenzana mantivo un encontro cos responsables de máis dunha vintena de clústeres, asociacións sectoriais e con consellos reguladores do viño para abordar os efectos da nova política arancelaria de EE.UU.
Segundo avanzou, a nova liña para circulante entra dentro dos 50 millóns de euros que agora mesmo o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) destina a préstamos para empresas pero cunhas condicións específicas para dar cobertura a esta problemática, dixo. Xunto con isto, tamén anunciou que outra das medidas que se van adoptar será a creación dunha oficina con servizos especializados dependente da Oficina Económica de Galicia e en contacto coa antena que ten o Igape en Miami.
Ademais, a partir de Semana Santa, adiantou, vanse organizar seminarios concretos por cada un dos sectores e empresas máis afectados pola nova política arancelaria para comezar a traballar nas oportunidades que ofrece o Real Decreto Lei aprobado polo Consello de Ministros a semana pasada, que pon á disposición das empresas 14.000 millóns de euros en avais, axudas non reembolsables e tamén o fondo de internacionalización, apuntou.
Relanzar a marca Galicia
Indicou, tamén, que se vai traballar co tecido produtivo na diversificación de mercados e nas medidas posibles en canto á rebaixa ou recualificación de produtos para reducir o impacto dos aranceis. E, na mesma liña, considerou importante relanzar a marca Galicia e tamén campañas que potencien a calidade e a excepcionalidade que teñen os produtos galegos.
Mensaxe de prudencia
A conselleira de Economía e Industria, que cualificou a reunión de produtiva e necesaria, avogou por «traballar man a man cos sectores» para que trasladen «empresa a empresa» cales son as súas necesidades. Quixo, así mesmo, lanzar unha mensaxe de «prudencia».
«Temos que ir traballando cada día coas noticias que se van presentando», dixo, e sinalou: «Debemos sempre intentar negociar e reducir a guerra comercial, non dar por perdida a situación, senón intentar que estes aranceis se vaian desescalando e normalizar as relacións comerciais cos EE.UU.».