sábado, abril 12, 2025
InicioNewsActualidadeO Porriño organiza unha viaxe gratuíta a Madrid para coñecer a obra...

O Porriño organiza unha viaxe gratuíta a Madrid para coñecer a obra de Antonio Palacios

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, desprazouse esta semana a Madrid para asistir á inauguración da mostra “Madrid Metrópoli. El sueño de Antonio Palacios”, que poderá visitarse ata o vindeiro 6 de xullo no primeiro andar de CentroCentro. A exposición propón un completo percorrido pola traxectoria arquitectónica de Antonio Palacios, cuxo legado contribuíu de forma decisiva a construír a identidade visual da capital do Estado.

Co propósito de compartir esta experiencia coa veciñanza, o Concello do Porriño, a través da Concellería de Turismo que dirixe Vanessa Ucha, promove unha excursión gratuíta a Madrid. A iniciativa, que conta coa colaboración da Concellería de Cultura, Turismo e Patrimonio de Madrid e de Metro de Madrid, brindará á cidadanía a oportunidade de coñecer de primeira man o legado deste ilustre porriñés.

“É unha oportunidade única para coñecer a fondo a dimensión e o legado dun dos grandes nomes da arquitectura do século XX, artífice dun Madrid monumental con raíces porriñesas”, sinala a concelleira Vanessa Ucha.

As prazas serán limitadas e, para participar, será preciso cubrir un formulario de inscrición que se habilitará nas canles oficiais do Concello. Nos vindeiros días faranse públicas as datas concretas das saídas, os prazos de inscrición e todos os detalles da viaxe.

Esta actividade forma parte do programa conmemorativo do 150 aniversario do nacemento de Antonio Palacios, iniciado o pasado ano. “Queremos tender pontes entre O Porriño e Madrid, amosarlles aos nosos veciños e veciñas o soño de Palacios e involucralos nesta celebración que une dous territorios a través da cultura e da historia”, destaca o alcalde Alejandro Lorenzo.

Con iniciativas coma esta, o Concello do Porriño «reafirma o seu compromiso coa posta en valor do patrimonio cultural e co recoñecemento das figuras máis senlleiras da nosa historia, promovendo o coñecemento, o orgullo local e o acceso da cidadanía á cultura» aseguran dende o goberno local.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS