O grupo municipal do PP de Tomiño vén de urxirlle ao goberno local a que consiga «de xeito inmediato que a Administración Xeral do Estado execute as melloras tecnolóxicas
e das infraestruturas de redes telefónicas necesarias para que todo o concello dispoña de cobertura móbil». Ademais, piden que se corrixan, «dunha vez por todas», as importantes eivas e deficiencias que impiden que, diariamente, milleiros de tomiñeses teñan dificultades para empregar os seus terminais.
Os populares tamén lamentaron a discriminación que «o Goberno de España está a ter con Tomiño nesta materia, posto que está a investir no reforzo e mellora de postes noutros municipios e deixa completamente de lado a este termo do Baixo Miño».
Problemas de cobertura
O PP tomiñés insistíu en que os problemas de cobertura ou a súa inexistencia absoluta converten ao concello «no que sufre máis problemas de telefonía móbil, tanto para chamadas como para os seus demais usos, de toda a provincia, xa que uns 7.000 veciños, a metade da poboación, teñen moitas dificultades para empregar os seus terminais, especialmente aqueles que residen máis próximos ao río Miño». A eles tamén se engaden os milleiros de usuarios que circulan a diario pola estrada autonómica PO552, tamén moi afectada por estas zonas de sombra.
Neste senso, os populares lamentaron a «desidia absoluta do goberno nacionalista con
respecto a este asunto, xa que non fixo nada nestes vinte anos ao fronte do Concello, ou polo menos nada de proveito máis alá de que a alcaldesa fora dar un paseo ao Senado para disimular que fai, malia que a situación da cobertura, que sempre foi mala, empeorou bastante nos últimos tempos polo incremento de usuarios e a necesidade dunha maior potencia pola mellora tecnolóxica dos dispositivos”.
«Unha auténtica odisea»
“Temos un servizo completamente deficitario, xa que para moitos tomiñeses é unha auténtica odisea ou unha milagre realizar un pago, teletraballar, facer actividades educativas on-line, controlar aos maiores que viven sos, activar un GPS para chegar a algún sitio ou simplemente enviar unha mensaxe”, detallou a voceira municipal, Mónica Otero.
Modelo compartido
Para o PP, a solución, ademais de por unha implicación real do goberno nacionalista,
pasa porque o «Goberno de España estude en serio o problema de cobertura e invista para adoptar as solucións necesarias, que poderían pasar por un modelo de infraestrutura de redes compartido con Portugal en materia de colaboración transfronteiriza se se determina que é a mellor alternativa».
“Polo efecto fronteira con Portugal e as distintas redes e postes que operan en cada país, a realidade é que para milleiros de tomiñeses empregar o móbil é unha auténtica lotaría, algo que é inadmisible en pleno ano 2025. E ademais, sabendo que somos o concello máis afectado, non entendemos como o Goberno de España vén de anunciar, esta mesma semana, reforzos en postes de tecnoloxía móbil 5G en Catoira ou Campo Lameiro, cos que nos solidarizamos e nos alegramos das súas melloras, e se esqueza e nos deixe sempre de lado cando temos a peor situación de todos”, concluíu.