O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o modelo de xestión sostible que existe en Galicia e reafirmou o apoio do Goberno galego a todo o sector agrario.
Durante a súa visita ás instalacións da empresa Gestora de Subprodutos de Galicia (Gesuga) con motivo da inauguración da súa nova plataforma loxística, Rueda valorou o papel clave desta «industria responsable» na xestión de subprodutos cárnicos non destinados ao consumo humano, un servizo esencial «para que a gandaría poida seguir tendo futuro e seguir evolucionando». Neste sentido, o titular do Executivo galego destacou a importancia de que «os galegos saibamos que o que era un problema se resolveu de forma óptima».
Na súa intervención, o presidente sinalou a importancia dos postos de traballo xerados e da nova instalación para a empresa, modélica, moderna e «delicada», que «ten que ter todas as garantías», baseada na «economía circular» e que «non deixa de investigar para ser máis sostible». Nesta liña, Rueda apuntou que o Goberno galego debe traballar para atraer empresas que «crean riqueza en Galicia«, ao tempo que é «absolutamente esixente desde o punto de vista medioambiental».
A compañía é a encargada do servizo de recollida, transporte e eliminación de animais mortos en explotacións gandeiras, un contrato que a Xunta asinou coa entidade en 2015 e que foi recentemente prorrogado ata setembro de 2026. Ademais, o Goberno galego apoia esta actividade con máis de 1,6 millóns de euros en axudas para mellorar a capacidade operativa da empresa entre 2018 e 2023.
Na última década, Gesuga retirou e procesou preto de 580 millóns de quilos de subprodutos, ademais de 790 millóns de quilos de animais mortos en explotacións bovinas, porcinas, avícolas, cunícolas, equinas, ovinas, caprinas e de piscifactoría.
Neste contexto, a Xunta lembra a importancia do seguro agrario como ferramenta clave para garantir a estabilidade das explotacións. O Goberno galego mobilizará 9,5 millóns de euros en 2025, un millón máis que o ano anterior, para fomentar a súa contratación.
Este modelo inclúe tamén liñas de indemnización polo sacrificio obrigatorio de animais e axudas á reposición de gando, contribuíndo a manter vivas e competitivas as explotacións afectadas por episodios sanitarios.