domingo, abril 13, 2025
InicioNewsConcellos +Ponteareas abrirá a biblioteca pública as 24 horas do día para adultos...

Ponteareas abrirá a biblioteca pública as 24 horas do día para adultos que precisen estudar

O Concello de Ponteareas prepara a instalación dunha pechadura electrónica na biblioteca pública municipal para poder ampliar o horario e ofrecer un espazo para o estudo a aquelas persoas adultas que xustifiquen a súa necesidade. Así o informa o concelleiro de Ensino e Letras, Ricardo González.

A través dun código de entrada as persoas usuarias que demostren non poder estudar nos horarios de apertura ao público en xeral accederán á biblioteca. Para poder desfrutar deste servizo haberá que realizar unha solicitude previa na propia biblioteca enviando a explicación da necesidade e documentación que avale a súa petición. Adianta, Ricardo González, que para garantir a seguridade, protexer zonas e que se faga un uso axeitado das salas instalaranse cámaras de seguridade e delimitaranse os espazos aos que se pode acceder.

Cando?

Desde a administración local, indican que «unha vez rematadas as obras o Concello informará da dispoñibilidade do servizo para que as usuarias e usuarios poidan solicitalo».

Deste xeito, o goberno amplía o servizo de biblioteca facéndoa accesible ás 24 horas do día. O horario de apertura xeral é de luns a venres de 08:00 a 21:00 horas e os sábados de 10:30 a 13:30 horas.

Medida transitoria

Explica a alcaldesa, Nava Castro, que esta é unha medida transitoria para satisfacer a ampla demanda de persoas que traballan de día e preparan oposicións, proxectos de investigación ou estudos de grao e másters, entre outros. “Mentres avanzamos no proxecto da nova biblioteca pública municipal que albergará o actual edificio da praza de abastos queremos que a cidadanía poida dispor dun espazo no que mellorar a súa formación”. Ademais engade que nestes días está aberto o prazo de licitación para a reforma da nave de Aceros del Tea, obras que comezarán neste ano e darán paso á un novo avance para a nova biblioteca pública.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS