A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Medio Ambiente, Laura Méndez, e o coordinador do Servizo de Emerxencias de Mos, Rodrigo Iglesias, veñén de reunirse con colaboradores e apicultores das dez parroquias de Mos para facer a primeira entrega das 400 trampas que o Concello distribuirá este ano dentro da campaña STOP Velutinas 2025.
A campaña municipal está reforzada co apoio autonómico da Xunta de Galicia a través do SEAGA (Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos) que instalou 135 trampas nos lugares da localidade mosense dos que se notificaron niños de Velutina a través do 012 durante o ano pasado.
Neste senso, as representantes municipais, Arévalo e Méndez, informaron de que o ano pasado descendeu en Mos en máis dun 40% o número de avisos por niños de Velutina respecto de 2023, “grazas aos labores de trampeo e prevención e favorecido tamén polas condicións climatolóxicas”, explicaron.
Así mesmo a concellería de Medio Ambiente do Concello de Mos fará un envío por Correos a todos os domicilios do municipio esta mesma semana, cun folleto informativo para concienciar sobre os perigos desta especie invasora, e aportar recomendacións para a poboación sobre a mesma.
Ademais, o Concello tamén repartirá 200 quilos de azucre doado pola cooperativa Acor e pendentes de recibir, para utilizar nas trampas para Vespa Velutina repartidas e instaladas.
A cooperativa azucreira Acor xa doou á administración local mosense azucre na pasada campaña STOP Velutinas, por iso a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Medio Ambiente, Laura Méndez, agredeceron “a Acor ter colaborado por segundo ano consecutivo desinteresadamente coa campaña municipal medioambiental STOP Velutinas enmarcada no programa CoidaMos”.
Así, coas repartidas nas campañas previas, Mos suma xa preto de 1.800 trampas instaladas por todo o termo municipal.