A deputada provincial Nava Castro visitou, xunto con membros do goberno local e concelleiros da Cañiza, a piscina cuberta municipal onde anunciou que a Deputación de Pontevedra aprobará na Xunta de Goberno deste venres unha inxección económica de máis de 107.000 euros para a renovación do seu sistema de depuración. Farao a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de oito millóns de euros (o dobre que na súa primeira edición) cos que a institución provincial está a transformar e modernizar os equipamentos deportivos da provincia. De feito, ao abeiro deste plan, «A Cañiza recibirá este ano un 135% máis de recursos que na anterior edición, cando se beneficiou de 45.000 euros para a ampliación da cuberta das pistas de pádel», segundo explican desde o ente provincial.
Eficiencia enerxética
Nava Castro deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, cos que se impulsará unha actuación que repercutirá de forma moi positiva na práctica deportiva. Mellorarase a eficiencia enerxética da piscina cun novo sistema automático de microfiltración con membranas cerámicas, que supón un aforro de auga e enerxía importante fronte aos métodos tradicionais. Ademais, a deputada provincial detallou que se instalará un novo sistema de tratamento de auga.
“O municipalismo e o deporte son dúas das nosas prioridades, e esta actuación é unha boa mostra diso”, asegurou Nava Castro, que lembrou que “a Deputación de Pontevedra está facendo un grande esforzo económico para facer fronte á dotación e o mantemento das instalacións deportivas, que son moi custosos”. Por este motivo, sinalou, “impulsamos programas como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para axudar os concellos a realizar estes labores”. A deputada provincial lembrou que “este ano temos máis recursos que nunca para o deporte, e iso responde a un modelo claro para o noso territorio que pasa por converter Pontevedra na provincia do deporte e no grande estadio deportivo do mundo”.