O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou hoxe a culminación do fito da cesión de funcións, servizos e medios por parte do Goberno central que permitirá a Galicia asumir plenamente a ordenación e xestión dos máis de 2.500 quilómetros que abrangue o seu litoral.
Durante o acto oficial de traspaso, ao que asistiu tamén o ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, o titular do Goberno galego cualificou o acordo como “histórico” e subliñou que responde a unha demanda xusta, sensata e amplamente apoiada pola cidadanía e polo conxunto do Parlamento de Galicia.
Seguridade xurídica
A Xunta asume dende agora a responsabilidade sobre unha franxa costeira na que se asentan máis de 4.000 edificacións de todo tipo, incluíndo máis de 100 empresas do complexo mar-industria, esenciais para a economía galega: “Ás máis de 4000 edificacións, ás 100 empresas da cadea mar-industria, a toda a vida económica, a todo o enorme respecto co que coidamos a nosa contorna natural faltáballe a capacidade de xestión que achega a proximidade”, destacou Rueda.
O xefe do Executivo autonómico, quen defendeu que a xestión autonómica permitirá brindar seguridade xurídica, axilizar trámites e asegurar os empregos e investimentos asentados na costa galega a través dunha normativa propia e adaptada a dita realidade: a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia: “Poder xestionar o litoral desde unha comunidade autónoma sen dúbida vai mellorar a xestión. Exercerémolo con respecto á legalidade, por suposto; con todo o rigor técnico e xurídico e coa máxima transparencia posible. E compatibilizando o respecto ao noso tesouro, que é o noso medio ambiente, coa necesidade de que haxa unha vida económica ordenada”, salientou o presidente.
«Sen privilexios nin confrontación»
Ademais, Rueda agradeceu o amplo consenso político que fixo posible este acordo de traspaso: “Quero agradecer que esteamos hoxe aquí. O final de todo este proceso foi impecable. As facilidades que tivemos unha vez que nos sentamos a negociar a concreción desta transferencia quero poñelas en valor”, remarcou.
O presidente apuntou que Galicia non busca privilexios nin confrontación, senón ferramentas eficaces para xestionar o seu futuro: “Non pedimos privilexios, só facer aquilo ao que temos dereito e que podemos facer ben”, afirmou. Neste senso, remarcou que este acordo non é bo só para Galicia, senón para todo o territorio nacional: “Se a Galicia vai ben, a España vai ir ben. E moito máis nunha competencia como a que estamos a xestionar. Formamos parte dun país chamado España, a moita honra, coa nosa identidade galega. E cremos que hai cousas que se poden facer desde aquí e que podemos facer o mellor posible”, concluíu Rueda.