martes, abril 15, 2025
InicioNewsAllariz convoca os concursos de Maios e Coplas para celebrar a Festa...

Allariz convoca os concursos de Maios e Coplas para celebrar a Festa dos maios

O departamento de Cultura do Concello de Allariz xa ten todo preparado para unha nova edición da festa dos Maios, que se celebrará o mércores 30 de abril na Alameda. A celebración inclúe os tradicionais concursos de Maios e Coplas, abertos á participación de grupos de veciños e veciñas que queiran manter viva esta expresión popular da primavera.

Concurso dos Maios

A participación pode ser individual ou en grupo (mínimo 8 persoas), e para formalizala será necesario inscribirse na Casa da Cultura antes do 28 de abril. Os Maios deberán estar construídos seguindo a tradición, empregando materiais naturais como madeira, arpillera ou tea de saco, cravos, arame, musgo, bugallos, xestas e flores.

O xurado, composto por tres persoas designadas pola Concellaría de Cultura, valorará a orixinalidade e o respecto pola tradición. Establécense tres premios:

  • 1º premio: 50€
  • 2º premio: 40€
  • 3º premio: 30€

Os Maios trasladaranse á Alameda o día 30 de abril a partir das 11:30h, onde quedarán expostos durante a fin de semana. O veredito do xurado farase público o 5 de maio a través das canles habituais do Concello.

Concurso de coplas

Tamén se convoca o concurso de Coplas, con dúas categorías diferenciadas:

  • Coplas de nenas e nenos (de 3 a 11 anos)
  • Coplas de maiores (de 12 anos en diante)

A participación é en grupo (mínimo 8 persoas) e, como no caso anterior, a inscrición debe formalizarse antes do 28 de abril na Casa da Cultura, entregando unha copia mecanografada das coplas (Arial 12, dobre espazo). As composicións deben contar cun mínimo de 12 estrofas, de catro versos cada unha, con rima polo menos entre o segundo e o cuarto verso.

Os premios son tamén de 50€, 40€ e 30€ nas dúas categorías. As seis coplas seleccionadas serán cantadas o 30 de abril na Alameda a partir das 11:30h, e o veredicto darase a coñecer o 5 de maio.

Programa

A xornada do 30 de abril comezará ás 11:30h coa chegada dos Maios á Alameda, onde permanecerán expostos. Desde esa hora e ata as 13:30h, terá lugar o canto das coplas, coas actuacións dos grupos participantes segundo vaian chegando.

A música estará presente tamén grazas ao Grupo de Gaitas De Pé Feito, que nos acompañará nesta xornada festiva cunha actuación en directo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS