O Consello de Ministros, a proposta do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, aprobou o Real Decreto polo que se regula o novo esquema de bonificacións das peaxes da autovía galega AP-53 Santiago de Compostela-Ourense, que permitirá aforros de 315 euros ao mes aos vehículos lixeiros que utilicen a infraestrutura de xeito diario e cumpran unha serie de condicións, e de 420 euros aos vehículos pesados.
Ata cando están vixentes?
Así, tal e como adiantou o ministro, Óscar Puente, os descontos comezarán a aplicarse esta semana, xa que entrarán en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE), e estarán vixentes ata o final da concesión, en novembro de 2074.
O obxectivo é incentivar o uso da autovía para mellorar a seguridade vial e reducir a congestión e os índices de sinistralidade nas estradas que ofrecen condicións de percorrido máis esixentes, en particular pola N-525, cuxas características en canto a trazado e capacidade son máis esixentes.
Características das bonificacións
As bonificacións para vehículos lixeiros, sempre que utilicen como sistema de pago a telepeaxe e cumpran unha serie de condicións de habitualidade e/ou recorrencia:
- Habitualidade: Gratuítos todos os traxectos de volta que se realicen nun prazo máximo de 24 horas. A bonificación do 100% do camiño de regreso ao punto de orixe aplicarase todos os días da semana, incluídos festivos. O percorrido de volta debe ser igual ao de ida.
- Recorrencia extraordinaria: usuarios que realicen polo menos vinte desprazamentos ao mes pola autovía de peaxe, aplicarase unha bonificación adicional do 50% do importe pagado de todos os percorridos realizados nese mes. Contabilizarase como un único desprazamento o conxunto de percorridos realizados nun mesmo día e no mesmo sentido de circulación.
Para os vehículos pesados tipo 1 e 2: desconto do 50% do importe do peaxe en todos os percorridos. Aplicaranse sen ningún tipo de condicións, xa que están dispoñibles todos os días da semana (laborais e festivos) e para calquera sistema de pago de peaxe. O desconto realízase de forma automática no momento do pago na barreira (cabina de peaxe), tanto se o aboamento é en efectivo, tarxeta ou telepeaxe.
Exemplos de descontos
A modo de exemplo, un condutor de vehículo lixeiro que viaxe entre Ourense e Santiago de Compostela sete días á semana, realizando en menos de 24 horas o mesmo traxecto de ida e volta, aforrará 315 euros ao mes en peaxes grazas ás novas bonificacións, sempre que pague co sistema de telepeaxe Vía-T.
O custo da peaxe sen descontos sería de uns 420 euros ao mes, considerando un mes de 30 días, polo que realiza 60 traxectos entre ida e volta. Así, o usuario abonará 105 euros ao mes por utilizar ao diario a estrada.
E é que, á gratuidade da viaxe de volta, súmaselle a bonificación extra por recorrencia extraordinaria xa que realiza 20 ou máis traxectos ao mes, elevando ao 75% a rebaixa aplicada.
Cada traxecto entre Ourense e Santiago de Compostela ou viceversa ten un custo de 7 euros sen bonificacións.
Outro exemplo, no caso de que se viaxe catro veces á semana retornando no día, aforrará 168 euros ao mes. Coa situación actual, serían 224 euros ao mes o que tería que abonar por 8 traxectos á semana entre idas e voltas, catro semanas ao mes. Isto supón un aforro do 75%, xa que se lle aplicarían tanto os descontos por ser usuario habitual como os de usuarios recorrentes.
Tamén, un condutor que desde Santiago de Compostela os días laborables fai a ruta polas poboacións na estrada N-525, retornando a Santiago pola autoestrada desde diferentes accesos, ao realizar 20 traxectos ou máis ao mes, sempre que pague con telepeaxe, é considerado usuario con recorrencia extraordinaria, polo que se lle aplicará unha bonificación do 50% do importe pagado de todos os percorridos realizados nese mes.
Empezaría a contar desde o percorrido inicial, sen necesidade de que teñan o mesmo orixe e destino. Así, con este exemplo, no total aforraría 53,38 euros en peaxes ao mes dos 106,75 euros da tarifa completa.
Do mesmo xeito, un camión de dous eixes (tipo 1) que cubre a ruta Santiago de Compostela-Ourense entre semana (ida e volta ao día) aforraría 236 euros ao mes en peaxes coas bonificacións, o 50% do custo total de 472 euros que resulta de aplicar a tarifa actual de 11,80 euros por traxecto, dúas veces ao día os cinco días da semana.
Por súa parte, un camión de catro eixes (vehículo pesado de tipo 2) que descarga tódolos días en Santiago de Compostela mercadoría desde Lalín aforraría 420 euros en peaxes ao mes coas bonificacións, xa que realizar 60 tránsitos entre ida e volta ao mes custa 840 euros coas tarifas oficiais (14 euros por traxecto para vehículos pesados de tipo 2).