A Xunta de Galicia ofrece durante esta próxima Semana Santa un total de 550 prazas para coñecer as illas Atlánticas, a través de rutas guiadas de carácter gratuíto. Delas, preto de 135 poden reservarse xa en liña a través da central de reservas do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia mentres que o resto estarán dispoñibles de forma presencial nas casetas de información instaladas nas illas Cíes e Ons.
Guías profesionais
Estas visitas, dirixidas por guías profesionais do parque, pretenden dar a coñecer aos visitantes o patrimonio natural e ambiental dos arquipélagos así como aspectos destacados da súa historia. Todas as rutas están pensadas para grupos reducidos para garantir unha experiencia de calidade e o máis personalizada posible, á vez que se preserva a contorna natural.
No caso das illas Cíes e Ons ofrécense rutas guiadas todos os días con diferentes horarios, percorridos e contidos combinando temas de fauna, flora, paisaxe, xeoloxía e historia. A maiores, tamén se pode reservar praza para realizar unha ruta guiada a un miradoiro, que se celebrará ás 12,00 horas os días 13, 17, 18, 19 e 20 de abril.
Propostas familiares
Estas rutas están pensadas para adultos, pero a oferta do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia tamén inclúe propostas máis familiares recomendadas para menores de idade, de entre os 5 e os 12 anos. Así, a través da actividade Detectives na praia, os participantes descubrirán os rastros de animais e algas que o mar deixa sobre a praia e investigarán sobre a vida destas especies mariñas. Esta actividade celebrarase o día 15 de abril pola tarde en Cíes e o domingo 20 de abril pola mañá en Ons.
No caso da illa de Cortegada, a ruta guiada O segredo dun bosque no medio do mar, que se celebrará o domingo 20 de abril pola mañá, terá un carácter histórico e botánico. En canto á ruta Sálvora: esculturas e lendas, as rochas da paisaxe, do faro, da aldea e do pazo serán o eixo da visita que terá lugar o mércores 16 de abril pola mañá. As prazas para realizar estas rutas guiadas poderán reservarse unicamente a través da central de reservas do Parque.
Cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas vén ofrecendo de forma case ininterrompida este tipo de itinerarios guiados e de balde por Cíes e Ons, coincidindo cos períodos nos que se ofrece o servizo de transporte regular en barco a ambos arquipélagos.
Itinerarios
A maiores, en todas as illas, existen itinerarios sinalizados pensados para visitantes que queiran practicar sendeirismo neste espazo natural. Cada unha destas rutas está marcada cunha cor e tanto nas propias illas como na web do parque hai dispoñibles folletos explicativos cos percorridos.
En todo caso, para poder acceder ao Parque Nacional esta Semana Santa é imprescindible tamén adquirir un billete de barco con calquera das navieiras autorizadas a operar o servizo de transporte regular ás illas. Será nese momento, unha vez comprado o billete, cando a autorización de acceso outorgada pola Xunta quede confirmada e se lle remitirá por correo electrónico ao solicitante, que poderá descargala se o prefire desde a propia páxina web.
En Cortegada e Sálvora non hai transporte regular polo que é o propio Parque quen xestiona o barco, pero o prezo do billete debera ser abonado polos participantes previamente á realización da ruta seguindo as indicacións que recibirá.