A Deputación de Ourense acolleu a constitución da comisión de traballo para a posta en valor da estación de montaña de Manzaneda, «cumprindo así co acordo alcanzado no seu momento pola Corporación», segundo indican desde o ente provincial.
Grupo de traballo
Na reunión, presidida por Luis Menor, tamén participaron como representantes da corporación provincial os deputados Xosé Miguel Pérez Blecua (PP), Aurentino Alonso (PSOE), Bernardo Varela (BNG) e Rafael Martínez (DO), ademaos do delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo; a alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez; e o rexedor de Manzaneda, Amable Fernández.

Turismo activo, ocio e natureza
Este grupo de traballo buscar implementar melloras na estación de montaña de Manzaneda e aproveitar as súas capacidades. Neste sentido, os asistentes estudaron un documento de traballo que analiza a situación actual da estación e as posibles vías para garantir o seu futuro, máis aló da oferta como estación de esquí no inverno, cunha estratexia de negocio dirixida á desestacionalización e dinamización do complexo, co fin de crear unha nova oferta de actividades de turismo activo, ocio e natureza, ademais de deporte e cultura
Tras repasar este documento, os integrantes deste grupo de traballo quedaron emprazados a expoñer na vindeira sesión as súas ideas que marquen liñas de mellora na estación de montaña, sistematizando as súas aportacións para que sirvan de base ao plan de futuro desta instalación.
Neste senso, o presidente provincial, Luis Menor, valora que “o que quedou clara é a vontade unánime de todos en aplicar melloras que consoliden á estación de montaña de Manzaneda como un referente no que é o valor estratéxico da comarca e da propia provincia, ao ser a única instalación destas características de toda Galicia”.
Débeda cero
Segundo indican desde o ente provincial, «cabe recordar que en outubro de 2024 o pleno da Deputación aprobou unha modificación de crédito que incluía unha partida de 1,5 millóns de euros para pechar a débeda coa sociedade Meisa, de tal xeito que, como se está a facer agora, podan centrarse os esforzos na mellora e competitividade deste espazo natural e de ocio, favorecendo a desestacionalización da actividade máis aló da súa condición orixinal como estación de esquí».