lunes, abril 7, 2025
InicioNewsActualidadeRueda destaca que a estabilidade institucional favorece que Galicia pechara o 2024...

Rueda destaca que a estabilidade institucional favorece que Galicia pechara o 2024 co 100% do orzamento executado e menos débeda

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe os datos dun informe que acredita «a boa saúde das contas públicas galegas», o que permitiu que Galicia pechara o 2024 cun superávit de 202 millóns de euros, «reduzindo a súa débeda e cun incremento do PIB por encima do previsto».

Superávit

O informe revela que a comunidade rematou o ano co 100 % do orzamento executado, cun superávit do 0,25 %, reducindo a débeda en 234 millóns de euros e baixando a ratio débeda/PIB ata o 14,5 %. O documento tamén destaca que Galicia pechou o exercicio cun superávit de 202 millóns de euros. Un saldo positivo motivado por unha liquidación do SFA superior á inicialmente prevista, que permitiu a recuperación da concesión de catro autovías, cun aforro de 342 millóns de euros nos exercicios futuros. Esta operación ten carácter financeiro e, polo tanto, non ten impacto no cálculo do saldo.

Débeda por habitante

A débeda por habitante sitúase na comunidade en 4.395 euros fronte aos 6.870 euros da media das comunidades, co que, tal e como explicou Rueda, «cada galego debe hoxe 2.474 euros menos que os habitantes da media das comunidades autónomas».

Crecemento do PIB

Tal e como reflicte o documento, a Comunidade Galega cumpre executando o orzamento con máis crecemento, máis investimentos, menos impostos, menos débeda e con mellores indicadores que os territorios do seu entorno: «cun crecemento do PIB do 2,8 %, medio punto máis do previsto«; acadando un nivel do PIB 9 puntos superior ao ano 2019, dous puntos máis que a media española; coa menor taxa de paro desde 2008, dous puntos inferior á media de España, e cun novo récord nas exportacións, por encima dos 31.000 millóns de euros.

Ademais, Galicia lidera un ano máis o esforzo inversor, cun 16,4% do gasto de capital sobre o gasto non financeiro, case o dobre da media.

Pago a proveedores

Por outra banda, a Administración galega sitúase, un ano máis, entre as CC.AA. que pagaron aos seus provedores con maior axilidade: 17,3 días de media en 2024, isto é, 13,8 días antes que a media das comunidades. Esta axilidade benefícialles aos case 15.700 provedores que traballan coa Xunta, pois favorece a súa liquidez, xa que moitos deles son pemes e mesmo autónomos.

É preciso destacar que o pasado ano a Xunta de Galicia pagou un total de 723.570 facturas. O Goberno galego reafirma o seu compromiso de seguir pagando coa máxima axilidade posible.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS