O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello «aprobou hoxe o Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2025-2027, que contará con 133 medidas e estará dotado con 700 millóns de euros». Este instrumento, estruturado a partir de 25 obxectivos, será a folla de ruta do Goberno galego para os vindeiros tres anos «para mellorar a formación e empregabilidade da mocidade, garantir o seu benestar físico e psíquico e contribuír á súa emancipación».
Rueda destacou que para a Xunta é unha prioridade ofrecer as mellores oportunidades á mocidade porque «son o futuro de Galicia, a xeración chamada a construír» a comunidade do mañá e un colectivo composto por unhas 400.000 persoas na comunidade, é dicir, o 15% da poboación. «Este Plan busca garantir que cada mozo ou moza de Galicia teña as ferramentas, os recursos e as oportunidades para se desenvolver plenamente», engadiu o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
Tal e como explicou o conselleiro, a consellería de Xuventude deseñou esta ferramenta, ademais da colaboración dos diferentes departamentos do Goberno galego, con enquisas á mocidade e con mesas de traballo nas que participaron e se implicaron persoal técnico especializado en xuventude, organizacións xuvenís e entidades sociais e do ámbito de tempo libre.
133 medidas
Como resultado, a área da Xunta con competencias en Xuventude deseñou este plan de cara aos próximos tres anos con 133 medidas coas que se buscará mellorar a inserción laboral a través da adquisición de competencias, da mobilidade internacional ou programas de educación non formal. Do mesmo xeito, establecerá accións dirixidas ao benestar físico, psíquico, emocional e social da poboación xoven.
Ademais, esta ferramenta buscará contribuír á emancipación da mocidade, con medidas que fomenten o emprego, o emprendemento e apoios á contratación, así como o acceso á vivenda, na liña do Bono Emancípate -que xa recibiu máis de 3.300 solicitudes- ou os aloxamentos compartidos, que xa están en marcha. A maiores, perfilará iniciativas para fomentar as capacidades creativas e o desenvolvemento do talento das novas xeracións.
Xuventude en situación de vulnerabilidade
Entre as iniciativas concretas que se desenvolverán ao abeiro deste plan, estará a posta en marcha este mesmo ano dun novo programa para facilitar estancias formativas en empresas de países da Unión Europea, dirixido exclusivamente á xuventude en situación de vulnerabilidade. Con esta medida, procúrase a promoción da igualdade de oportunidades da poboación xoven máis desfavorecida ou en risco de exclusión.
Deste xeito, o conselleiro indicou que este novo programa, chamado Galicia Moza con Alma, terá como destinatarios destas estancias «a mozos e mozas do ámbito rural, con discapacidade, que leven máis dun ano en paro e tamén aqueles que estean en risco de exclusión social».
Esta acción ten como obxectivo favorecer a mobilidade xuvenil exterior como vía de desenvolvemento persoal e profesional destes colectivos vulnerables, pola súa situación xeográfica, física ou socioeconómica. Deste xeito, o que se procura é que estes mozos e mozas desenvolvan habilidades e competencias para o emprego, ao tempo que melloran e perfeccionan outros idiomas que lles permitan abrir máis portas no ámbito laboral.
Novas residencias
Precisamente, o plan recolle entre as súas medidas proporcionar a mobilidade xuvenil dentro da propia comunidade, a través de recursos e vantaxes económicas que faciliten á xente moza o acceso á formación.
Co obxectivo de cumprir con esta iniciativa, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten prevista a construción de residencias xuvenís públicas nas cidades nas que, na actualidade, non se contan con elas: A Coruña, Ferrol, Pontevedra e Santiago de Compostela. Trátase dun recurso de apoio á xuventude, entre 16 e 30 anos de idade, que por razóns de estudos ou traballo se ven obrigados a desprazarse fóra do seu fogar ou residencia habitual.
Correspondentes xuvenís
O Goberno galego tamén establece nesta folla de ruta desenvolver unha política de comunicación efectiva e bidireccional coa xuventude. Nesta liña de actuacións, inscríbese a decisión de extender a figura de Correspondentes Xuvenís a un maior número de centros de ensino. Desde o curso 2013-14 por este programa pasaron máis de 6.500 mozos e mozas de toda Galicia. O obxectivo é estimular e potenciar que máis xente moza se sume a este programa de voluntariado.
Este alumnado é o que se responsabiliza de recoller a información que se lles envíe desde a Dirección Xeral de Xuventude, Espazo Xove ou a Oficina Municipal de Información Xuvenil do seu concello e de difundirla entre o resto do estudantado do centro.