Coincidindo coa nova campaña que a Dirección Xeral de Tráfico pon en marcha desde hoxe, 7 de abril, e durante toda a semana, de vixilancia intensiva, centrada no cumprimento dos límites de velocidade, como un dos factores de risco crave na sinistralidade viaria, a Policía Local de Mos inicia tamén un control exhaustivo de velocidade mediante radar nos viais municipais. A campaña local prolongarase durante máis tempo, alomenos dous meses.
A velocidade inadecuada é o terceiro factor concorrente máis habitual nos sinistros de tráfico, especialmente, naqueles con vítimas mortais.
Coche con radar
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o Xefe da Policía Local mosense, Gerardo Álvarez Reguero, anunciaron hoxe que a Policía Local vén de recibir en préstamo un coche da Dirección Xeral de Tráfico dotado de radar, para poñer en marcha unha campaña de control de velocidade nos viais, camiños e estradas, municipais.
A rexedora local mosense e o Xefe da Policía, Arévalo e Álvarez, informan de que o control da velocidade nas vías co Concello é unha demanda reiterada tanto da veciñanza en xeral como das Asociacións de Veciños en particular, que se atopan preocupados pola perigosa rapidez coa que circulan moitas veces os vehículos polos viais do municipio.
Sancións
O control de velocidade por radar irá unido, como é lóxico, ás preceptivas sancións coercitivas, tanto económicas como de retirada de puntos, se procede.
Deste xeito, preténdese optimizar a seguridade viaria na rede municipal de estradas e camiños, así como concienciar da necesidade do cumprimento das normas de circulación en aras de previr sinistros e accidentes, e salvar vidas.
A campaña local de control de velocidade atópase xa activa e en en marcha, e o vehículo dotado de radar cedido pola DGT está xa actuando nos viais de Mos.