Galicia rexistra un aumento no número de persoas que len libros, sobre todo por lecer, e tamén son máis as que os mercan. En ambos os dous casos, a suba é por riba da media estatal. Así se reflicte no informe avaliado hoxe polo Consello da Xunta, resultado das 1.200 entrevistas realizadas en 2024, das cales 1.100 foron a persoas maiores de 14 anos e as 100 restantes fixéronse a menores entre 10 e 13 anos. O obxecto deste estudo foi coñecer a situación actual destes importantes indicadores culturais e, deste xeito, axudar a formular e avaliar futuras políticas e plans do Goberno galego para o fomento na lectura.
Prensa e libros
O Informe da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sobre hábitos lectores e compra de libros en Galicia durante 2024 recolle que o 96,7 % dos galegos e galegas
maiores de 14 anos le en calquera formato ou soporte, xa sexa impreso ou dixital, polo menos unha vez ao trimestre. Destas lecturas, a prensa (77,9 %) e os libros (69,9 %) son os materiais que concitan maior número de lectores. Nos dous sectores, sitúase por riba da media nacional: un 7,6 % superior no primeiro caso e case dous puntos no segundo.
Ler por lecer
Dentro dos libros, os máis lidos son aqueles por lecer, xa que supoñen o 66,2 % das lecturas. Deste xeito, esta porcentaxe reflicte que a Comunidade experimentou en 2024 unha suba de case cinco puntos con respecto ao ano anterior, atopándose case dous puntos por riba da media estatal. Cómpre salientar que esta cifra aumenta considerablemente entre os rapaces e rapazas de 10 a 13 anos, xa que case o 90 % asegura que o pasado ano leu libros no tempo de ocio.
Quen le en Galicia?
Con respecto ao perfil lector en Galicia, hai unha proporción maior de mulleres e, por
idades, a ratio é especialmente significativa entre a poboación de 45 a 64 anos. Nesta
franxa de idade, son máis do 70 % os que len no seu tempo libre. Ademais, subliñar o
dato de que o 63 % dos galegos e galegas asegura ler habitual ou ocasionalmente libros
na nosa lingua.
Mercar nas librarías
En canto á compra de libros, o estudo constata que un 67,4 % da poboación galega
mercou algún libro, de texto ou non, no último ano, o que supón case 10 publicacións
por persoa. Esta porcentaxe reflicte un aumento do 3,8 % con respecto ao ano 2023 e
sitúa a nosa Comunidade dos puntos por riba da media nacional.
No caso dos libros non de texto, esta cifra sobe case catro puntos en 2024 ao comparala
cos que se mercaron no ano anterior, cunha media de case 9 libros por persoa, e máis
dun 3, 3 % superior á media do conxunto estatal. Débese engadir a poboación de 25 a 44
anos é a que máis mercou.
Finalmente, o estudo tamén remarca que as librarías tradicionais seguen a manterse
como o espazo principal onde os galegos e galegas (73,1 %) mercan os seus libros, seguido, pero con bastante marxe de diferenza, da compra a través da Internet (33,5 %)