lunes, abril 7, 2025
InicioNewsActualidadeA Xunta lanza a quinta convocatoria dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación...

A Xunta lanza a quinta convocatoria dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2025

O Consello da Xunta tomou hoxe razón da quinta convocatoria dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2025.

Nesta nova convocatoria dos galardóns, o Goberno galego mantén o recoñecemento á contribución dos profesionais da arquitectura na procura dun contorno que dea resposta ás necesidades dos seus habitantes, mellorando a calidade de vida, a dinamización socioeconómica e a posta en valor do patrimonio edificado sen esquecer a necesidade de respectar o medio ambiente mediante unha arquitectura sostible.

Convocatoria

Nos vindeiros días, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), publicará no Diario Oficial de Galicia a convocatoria destes galardóns, que será a súa quinta edición, despois das catro edicións realizadas nos anos 2016, 2018,2020 e 2023.

Nesta nova convocatoria, estes premios céntranse no recoñecemento á calidade das edificacións rematadas nos anos 2023 e 2024, tanto de obra nova como de rehabilitación.

Premios especiais

Cabe destacar, así mesmo, os premios especiais: o de sustentabilidade e á traxectoria profesional. O primeiro busca destacar a implementación dunha arquitectura responsable e comprometida co medio ambiente, en consonancia cos programas desenvolvidos pola Xunta de Galicia.

O segundo, o premio á traxectoria profesional pretende ser un recoñecemento da especial contribución á arquitectura no territorio galego por parte das persoas arquitectas e aparelladoras ou arquitectas técnicas.

Galardóns

Os galardóns, que estarán dotados en total con 35.000 euros, increméntanse con
respecto á edicións anteriores en 5.000 euros, e terán as seguintes modalidades e
premios económicos.

Premio galego de arquitectura. Outorgarase entre os proxectos de nova planta
relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou obras de ampliación que
teñan suficiente entidade propia como para ser valorados de forma independente á
construción orixinal. Dotación económica: 7.000 euros.

    Premio galego de rehabilitación. Destinado a galardoar os proxectos de
    rehabilitacións relativos a intervencións de recuperación e adecuación do parque
    edificado existente. Dotación económica: 7.000 euros.

    Mencións. Entre as actuacións que non obtivesen premio poderán destacarse con
    mención aquelas que o xurado aprecie como merecedoras dun especial
    recoñecemento.

    Premios especiais. O xurado poderá outorgar tamén premios correspondentes a
    dúas categorías especiais.

    Por un lado, o galardón á sustentabilidade, destinado a destacar aquela actuación que supoña a implantación dunha arquitectura responsable co medio ambiente, os recursos e as xeracións futuras, e dotado con 7.000 euros.

    E polo outro, os premios á traxectoria profesional, un recoñecemento á meritoria traxectoria a favor da arquitectura, no territorio galego, que outorgará o xurado con base nas propostas formuladas polas entidades que o integran; dotado con dous premios de 7.000 euros, un para un arquitecto superior e outro para un aparellador ou arquitecto técnico.

    Quen pode optar aos premios?

    Poderán optar aos premios, agás o especial á traxectoria profesional 2025, os proxectos arquitectónicos de edificación finalizados na comunidade autónoma entre o día 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2024.

    Presentación de candidaturas

    A presentación das candidaturas será realizada por parte de algunha das institucións integrantes do xurado, que estará presidido pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e composto por representantes do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS); da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario; da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña; da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña; do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; do Consello Galego de Arquitectura técnica; da Federación Galega da Construción; e da Federación de Promotores de Edificación e Solo de Galicia.

      مقالات ذات صلة

      OUTRAS NOVAS