lunes, abril 7, 2025
InicioNewsActualidadeA formación AFD volve ao Porriño tras unha década de parón

A formación AFD volve ao Porriño tras unha década de parón

O Concello do Porriño volve poñer en marcha unha acción formativa ao abeiro do Plan Formativo para o Emprego (AFD) por primeira vez dende o ano 2014. Así, dá comezo o curso de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, destinado a persoas desempregadas, que se desenvolverá nas instalacións do Multiusos de Torneiros ata o 22 de agosto de 2025.

Esta acción formativa, enmarcada no Plan AFD 2024-2026 e financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cunha subvención de 46.609,80 euros, permitirá ao alumnado obter o Certificado de Profesionalidade de nivel 2 (SSCS0208), con competencias recoñecidas no eido da atención sociosanitaria.

O curso consta de 468 horas de formación presencial, impártese en horario de 9:00 a 14:00 horas e conta con 15 alumnos e alumnas que recibirán formación teórica e práctica, incluíndo estadías formativas en institucións sociais da contorna.

“O noso compromiso coa formación e o emprego é firme. Hoxe é un día importante para Porriño porque recuperamos unha liña formativa fundamental que nos permite ofrecer oportunidades reais ás persoas desempregadas do noso concello”, sinalou o alcalde Alejandro Lorenzo durante a apertura da actividade.

Pola súa parte, a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, destacou que “a formación é a chave para acceder ao mercado laboral, e máis nun sector tan importante e cunha alta demanda como é o sociosanitario. Este curso permitirá que os participantes adquiran as competencias necesarias para traballar como coidadores de persoas dependentes en institucións, un perfil moi demandado tanto no Porriño como na comarca”.

Os contidos do curso abranguen desde o apoio na organización das intervencións no ámbito institucional, a atención hixiénico-alimentaria, ata o apoio psicosocial e comunicativo, cunha finalidade clara: capacitar aos participantes para atender persoas dependentes aplicando as estratexias deseñadas polos equipos interdisciplinares das institucións.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño asegura «dar un paso máis na súa aposta pola empregabilidade e a formación continua da veciñanza, recuperando programas formativos que levaban unha década sen executarse no municipio».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS