O Concello de Tui acollerá este xoves día 3 de abril a presentación do «Estudo do Camiño Portugués ao seu paso por Tui: peregrinos e desenvolvemento turístico» realizado por Alfonso Ferreira. A presentación terá lugar ás 20:00h no Espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela.
O seu autor, Alfonso Ferreira manifesta que para a elaboración deste traballo «estiven ao pé do Camiño na saída de Tui durante moitos meses contando peregrinos, facéndolles enquisas, poñendo cuños e mesmamente axudando aos mesmos».
Ferreira informa que para elaborar este traballo contou con 4.324 enquisas respondidas que logo analizou para realizar esta análise que agora presenta. Alfonso Ferreira estivo ao pé do Camiño Portugués, á saída de Tui, nos meses de febreiro, maio, agosto e novembro de 2024 contabilizando persoalmente nese período un total de 39.546 peregrinos.
Así, «o volume de datos que manexa este estudo de Alfonso Ferreira permite unha análise da peregriación en Tui cuestionando en parte os datos que ata agora temos, dende a Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago, sobre os peregrinos que pasan na súa peregrinación por Tui» aseguran dende o goberno local.
Pola súa banda, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradece «este traballo realizado por Alfonso Ferreira baseado no seu altruísmo e esforzo persoal de estar catro meses ao pé do Camiño ofrecendo unha imaxe de acollida e hospitalidade para os peregrinos».